O investimento social por habitante recortouse por primeira vez en cinco anos, xusto cando golpeou a pandemia. Garantir dereitos non está na axenda da alcaldesa
Coa Marea Atlántica, A Coruña chegou a ser a cidade galega con maior gasto social por persoa. Agora retrocede á terceira posición, tras Lugo e Ferrol
A Marea Atlántica denuncia que, segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda, A Coruña retrocedeu en gasto social en 2020, xusto cando golpeou a pandemia e comezou unha grave crise económica, social e sanitaria. “Por primeira vez en cinco anos, o investimento social perdeu peso no orzamento do Concello, amosando que garantir os dereitos das persoas vulnerables non está na axenda de Inés Rey”, afirma a nosa voceira María García, tras coñecer os datos”.
Co goberno da Marea Atlántica, A Coruña chegou a ser a cidade galega con maior gasto social por persoa, superando os 116 euros por habitante e ano en 2019. Esta cifra aumentou de forma constante desde o ano 2016 pero agora, co PSOE na alcaldía, aplicouse o primeiro recorte nun lustro, ata quedar nos 114,1 euros.
Nestes momentos, A Coruña ocupa á terceira posición en canto a investimento en políticas sociais, superada por Lugo e Ferrol. Dous concellos que incrementaron os fondos para esta área en 2020, respondendo ás necesidades da súa veciñanza durante a pandemia. Desde María Pita, Inés Rey fixo xusto o contrario. Ignorou os crecentes problema de desemprego, acceso á vivenda, desigualdade e pobreza que arrastramos desde a crise de 2008 e baixou o investimento.
Dez millóns sen gastar en Servizos Sociais
Os datos do Ministerio de Facenda coinciden co que xa vimos denunciando hai tempo, os problemas na Concellería de Servizos Sociais, con listas de agarda en crecemento e dificultades para acceder ás diferentes axudas e prestacións. Así, o ano 2020 rematou con máis de 10 millóns de euros sen gastar en políticas sociais e una execución orzamentaria do 66%, dez puntos por debaixo do peor ano da Marea Atlántica. Hai que remontarse a 2008, co goberno bipartito, para encontrar un dato semellante, o do 68%.
O mesmo ocorreu co Presco 2020, o plan de axudas no que o eixo social colleitou os peores datos. So se executou o 48% e quedaron 1,2 millóns na caixa, sen beneficiar ás persoas que necesitaban unha man do seu concello. Son cifras difíciles de xustificar nun ano normal, pero no ano da pandemia, onde cada euro público era necesario para axudar ás persoas máis afectadas, son un escándalo.
“Volvemos pedirlle a Inés Rey que teña un mínimo de empatía con quen leva a peor parte da crise e faga un esforzo por mellorar os Servizos Sociais do Concello. A situación sanitaria parece estar mellorando, a económica non. En 2021 non poden repetirse estes erros”, resumiu María García.
Lembramos, ademáis, que se están a incumprir parte dos compromisos dos orzamentos e o Presco 2020, os relativos a poñer en marcha un novo contrato de Axuda no Fogar, para chegar a 200 familias máis, así como un novo servizo de lavandería a domicilio para persoas maiores.