Saltar ao contido

A piques de rematar o mes de xullo a vexetación segue acumulándose en parcelas públicas e privadas, malia que o prazo acabou o 31 de maio

Ademais das molestias para a  veciñanza, que está a trasladar o seu malestar, o risco de  incendio increméntase de cara ao final do verán

Dende a aprobación do plan de prevención de incendios que se deseñou no anterior mandato no se perciben avances. Rexistramos unha pregunta de Pleno arredor desta cuestión 

A Marea Atlántica urxe ao goberno local a efectuar os traballos necesarios para manter rozadas as parcelas nos barrios da Coruña, con especial atención ás áreas semi-urbanas e polígonos industriais, onde xa se detectaron algúns conatos de incendios coma en Pocomaco ou Vío.

Como explica María García: “O mal tempo non poden ser escusa para non manter limpas as parcelas. A vexetación continúa medrando e xa pasamos a metade do verán; en agosto e setembro a acumulación de materia combustible será maior e isto supón un risco moi alto de incendio” E continúa, “A nós estannos chegando queixas da veciñanza de O Portiño, do Camiño do Pinar, de Vío e outros moitos lugares. Pero a vexetación está desbordada tamén nas Xubias, Feáns, Monte Alto… É urxente actuar e por iso presentamos unha pregunta de Pleno sobre este asunto.”

Executar o plan de rozas é fundamental para que non se acumule esta biomasa, tanto nas parcelas públicas como nas privadas, tendo en conta que o prazo xa rematou o 31 de maio.

Plan de prevención de incendios

Durante o anterior mandato deseñouse un novo “Plan de Prevención de Incendios” que se aprobou xa neste mandato, pero non se perciben avances.

“Durante o noso mandato fixemos un enorme esforzo por manter a raia esta cuestión e notábase. Ademais de sistematizar as rozas nos terreos públicos, triplicamos as notificacións para que se segasen as parcelas privadas. De pouco máis de 300, chegamos a abrir máis de 1.000 expedicentes de notificación.” Explica a voceira da Marea Atlántica “Deste modo conseguiuse xerar conciencia e hábito, a veciñanza cada vez rozaba máis en periodo voluntario e non era preciso chegar ás sancións”

De seguir así, se o goberno local segue acumulando atrasos, perderase o camiño avanzado, con todas as consecuencias que iso supón non só para en molestias e incomodidades para a veciñanza, senón tamén no incremento do risco de incendios próximos a núcleos habitados. “Hai que ter en conta o que está a ocorrer coa emerxencia climática noutros lugares onde se desatan grandes incendios. Que este verán sexa chuvioso non é motivo para baixar a garda”.

Instamos ao goberno local a axilizar as rozas de vexetación nas parcelas próximas ás casas