Como era de prever, estamos a finais de xullo, ben pasada a época de cría, e as camadas proliferan sen avances nas esterilizacións, desandando o camiño percorrido nos anos pasados
En xaneiro o goberno local tratou de eliminar o modelo colaborativo coas asociacións, pero en febreiro rectificou pola presión cidadá e aprobou fondos para que as protectoras seguisen co control das poboacións de gatos ferais. Eses fondos continuan bloqueados meses despois
A Marea Atlántica denuncia o atraso na sinatura dos convenios para os labores de control, alimentación e esterilización das colonias felinas. Demándalle ao goberno local que axilice os trámites coas asociacións protectoras da cidade, para que poidan proseguir con estes traballos canto antes, tendo ademais en conta que xa pasaron varias épocas de cría.
En xaneiro, o PSOE tentou cambiar o modelo de colaboración coas asociacións protectoras condicionándoo a unha liña de subvencións para as que non había nin dotación económica, por mor da decisión unilateral do goberno local de prorrogar os orzamentos de 2020. En febreiro, logo da presión cidadá e a recollida de máis de 54.000 sinaturas (hoxe xa son máis de 64.000), o Concello aprobou convenios nominativos coas protectoras e dotounos de fondos para as tarefas de control das colonias. Pero a esta altura do ano, eses fondos ainda non chegaron ás asociacións e as colonias felinas están desbordadas, logo da principal época de cría do ano.
“A liña de colaborción Concello – Asociacións protectoras que establecemos no anterior mandato demostrouse moi efectiva tanto dende o punto de vista do benestar animal como de control das colonias e a saúde pública. É unha auténtica mágoa que se retroceda nunha cuestión que estaba a funcionar tan ben”, apunta a voceira da grupo municipal da Marea Atlántica, María García.
Durante o pasado mandato púxose en marcha un modelo ético – colaborativo de Captura, Esterilización e Solta en 10 colonias felinas controladas, con efectos moi positivos para os animais e para os barrios: a través da colaboración coas protectoras organízase o voluntariado, a alimentación dos felinos e contrólase a súa reprodución a través da esterilización dos exemplares adultos. Ao mesmo tempo, mantéñense as condicións de hixiene necesarias tanto para os animais como para a veciñanza coa que conviven. É un modelo de éxito contrastado en moitas cidades, que deberia ampliarse a mais zonas da Coruña para evitar problemas, no canto de retroceder.