María García: “Un nutrido grupo de persoas do Martinete e o Birloque están a impulsar este novo parque, moi necesario, pero non teñen resposta do goberno local”
É un proxecto beneficioso, contemplado no PXOM, que conectaría barrios cun corredor ecolóxico e que pode optar a fondos europeos. Non hai motivo para non impulsalo
A Marea Atlántica rexistrou unha moción para ser debatida no pleno de mañá, 2 de decembro, na que se insta ao goberno local a escoitar as demandas veciñais e impulsar a creación do Parque Cidade, ou Parque do Monte Martelo. “Un nutrido grupo de persoas dos barrios do Martinete e o Birloque están a reclamar unha zona verde nas beiras do río Monelos, un dos poucos regos fluviais que no foi soterrado na Coruña. É un proxecto moi necesario, pero non está a recibir a atención debida por parte do goberno local”, explica a nosa voceira, María García.
Na nosa iniciativa, lembramos que o PXOM xa ten prevista unha zona verde de uso público na área que está a sinalar a veciñanza. O goberno local ten que iniciar os trámites para creala, e paliar o déficit de espazos naturais na Coruña. Porén, a Marea Atlántica lamenta a falta de avances por parte do executivo municipal.
Seguindo a proposta veciñal, na nosa moción instamos ao executivo de Inés Rey a restaurar o curso do río Monelos alí onde sexa posible, para un espazo natural con abundante patrimonio natural e cultural. E a deseñar, tamén, un percorrido peonil para que este Parque Cidade poida servir de conector ecolóxico entre barrios coma Feáns, Mesoiro, Birloque, Someso e Pocomaco con Elviña e co centro da cidade.
Para este proxecto, o Concello podería procurar financiamento europeo a través dos Fondos de Recuperación e Resiliencia para a promoción da Infraestrutura Verde urbana. Non levalo adiante é perder unha oportunidade para A Coruña.
A Coruña, sen avances en infraestrutura verde
“A tendencia nas cidades contemporáneas comprometidas coa emerxencia climática e a calidade de vida é poñer en valor os seus espazos naturais, restauralos se foron degradados e deseñar unha rede de infraestrutura verde que axude a resolver problemas urbanos”, sinala a nosa iniciativa. E nesa tendencia, a renaturalización dos ríos é prioritaria. Pero na Coruña estase a seguir o camiño contrario, por desgraza, coa Estratexia de Infraestrutura Verde gardada nun caixón desde o pasado mandato, e con proxectos coma os Bosques da Coruña ou a naturalización dos ríos Feáns e de Quintas sen executarse.