Saltar ao contido

O PSOE, que hai un mes rexeitou retirarlle honras a Peñamaría de Llano a pesar da súa implicación na represión, apoia agora unha segunda fase de eliminación de nomes franquistas, tras a iniciada por Xulio Ferreiro

Todas as mocións da Marea Atlántica resultaron aprobadas, nun Pleno no que tamén saíu adiante unha nova Ordenanza de Rehabilitación de Inmobles, froito das nosas negociacións co executivo municipal e o Partido Socialista 

A proposta do Parque Cidade e a restauración do rio Monelos, impulsada pola veciñanza e a Universidade, recibiu hoxe o apoio unánime do Pleno

A Corporación Municipal da Coruña deulle hoxe o seu apoio maioritario á moción da Marea Atlántica na que se reclamaba unha segunda fase na supresión de simboloxía franquista na Coruña, tras a iniciada por Xulio Ferreiro no mandato anterior, e comezando por difundir o informe elaborado polo Instituto Cornide e respectar as súas recomendacións: retirarlle as honras a 14 persoeiros vinculados coa ditadura e a represión franquista.

Só o PP se puxo en contra, co seu habitual desprezo pola Memoria Histórica, pero o goberno local deulle apoio a esta iniciativa, mudando o sentido do seu voto no Pleno de novembro, cando rexeitou retirarlle as honras a unha das figuras sinaladas no informe da Cornide, Sergio Peñamaría de Llano, cuxa implicación na represión está acreditada polos historiadores. 

Canda Peñamaría, o informe sinala a outras 13 figuras que non son merecedoras de ningunha homenaxe pola súa colaboración co franquismo: Alfonso Molina, Pedro Barrié de la Maza, Calvo Sotelo, Álvarez de Sotomayor, Diego Delicado, Benito Blanco-Rajoy, Ambrosio Feijoo, Pérez-Ardá, Sanjurjo de Carricarte, Salgado Torres, cabo Ponte Anido, Fariña Ferreño e Ozores Arraiz. 

O noso vicevoceiro, Iago Martínez, lembrou que: “Cando Xulio Ferreiro foi investido alcalde en 2015, había unha praza de Millán Astray a 50 metros de María Pita. Catro meses despois, e ata hoxe, esa praza era a Praza das Atochas. E para iso non fixo falla ningún informe xurídico, só vontade política. Vostede, señora Rey,  que ten un informe que mantivo oculto durante moito tempo, amose a vontade. Como dixo o presidente da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica, Fernando Souto, a sociedade está madura, só temos que facer a nosa parte”. 

A nosa iniciativa reclama, ademais, que se renove canto antes a dirección do Instituto Cornide, vacante desde que Tino Fraga dimitiu en setembro de 2020. É a alcaldesa quen debe iniciar este proceso. 

Parque cidade e homenaxe a Ibrahima e Magatte

As outras dúas mocións que a Marea Atlántica levou ao Pleno foron aprobadas por unanimidade. Foi o caso cando reclamamos apoio para o Parque Cidade no Martinete, unha iniciativa veciñal para crear unha nova zona verde ás beiras do río Monelos, restaurando tamén este rego fluvial. “É unha idea necesaria, á que xa se sumaron a Universidade da Coruña e o seu Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica, e que conta co apoio de asociacións veciñais e empresas. Só falta que se sume o goberno local”. 

Así, este parque ten todo o sentido para conectar o Martinete con outros barrios illados por unha mala planificación urbanística, e a través dun conector ecolóxico entre barrios coma Feáns, Mesoiro, Birloque, Someso e Pocomaco con Elviña e co centro da cidade.

Finalmente, tamén recibiu apoio unánime a moción que presentamos conxuntamente co BNG, reclamando que se aceleren os trámites para nomear a Ibrahima e Magatte como fillos adoptivos da Coruña, algo que xa se aprobou no pleno polo seu papel na defensa de Samuel Luiz Muñiz ante a brutal agresión homófoba que acabou coa súa vida. Esta proposta recolle, ademais, unha iniciativa da ONG EcoDesarrollo Gaia para impulsa run programa educativo en institutos e entidades sociais da Coruña, pola diversidade e a non violencia. 

“Hai cinco meses que o asasinato de Samuel conmocionou a esta cidade, pero o goberno local non reaccionou. A Coruña precisa iniciativas que nos fagan lembrar o crime, para que non se volva repetir. E como cidade, como comunidade, non podemos esquecer o comportamento de Ibrahima e Magatte naquela noite do 3 de xullo”, resumiu a concelleira Claudia Delso.

 

Acordos en urbanismo, vivenda e cultura

No Pleno deste xoves tamén resultou aprobada a nova Ordenanza de Rehabilitación e Conservación de Inmobles, froito das negociacións entre o goberno local e a Marea Atlántica. Esta normativa renóvase para tentar evitar as declaracións de ruína innecesarias e protexer o patrimonio e o dereito á vivenda.

Tres foron as contribucións principais do noso grupo, reforzar as medidas para que o Concello poida actuar de oficio ante de abandono dun inmoble, regular a súa potestade para facer obras ou traballos necesarios para a conservación do edificio, de cuxo custo deberá facerse cargo a propietaria. E manter o rexistro municipal de soares, coma nos concellos de Santiago e Vigo, entre outros. Trátase dunha ferramenta para levar o control dos terreos nos que se incumpra o deber de edificar, e de aqueles edificios que incumpran o deber de conservación.

Como sinalou Iago Martínez, “o urbanismo é un dos nosos puntos de desencontro co goberno local, pero facemos valer o noso peso no Pleno para orientalo na boa dirección. Hai luces e sombras neste mandato. As sombras teñen moito que ver coa herdanza do PSOE da Coruña. E as luces, aínda que non o recoñezan, coa Marea Atlántica, cos nosos proxectos e as nosas ideas. Porque se hai unha forza que necesaria para superar o urbanismo de Someso e o Conde de Fenosa, esa é a Marea”. 

Neste sentido, no Pleno deixouse notar que estamos a traballar nun Plan Municipal polo Dereito á Vivenda na Coruña, cunha serie de compromisos claros para que o Concello se implique fronte ao cada vez máis urxente problema do acceso a un fogar na nosa cidade. 

Ademais, durante o debate do modificativo necesario para garantir as iniciativas culturais do PRESCO (tras o equivocado recorte no IMCE que se aplicou no verán), o voceiro do goberno local comprometeuse a impulsar o Consello Local da Cultura. Está pendente desde hai meses, e moi necesario para recoñecer a un sector moi golpeado pola crise, que representa o 3% do PIB da cidade. Neste camiño, sempre poderán contar cos votos e as iniciativas da Marea Atlántica. 

Aprobada a moción da Marea Atlántica pola supresión de simboloxía franquista na Coruña, co voto favorable do goberno local