María García e Inés Rey anuncian o acordo para impulsar esta nova iniciativa económica municipal

Elaborarase un mapa das enerxías renovables da cidade e porase en marcha a Oficina da Enerxía no prazo dun mes

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a voceira municipal da Marea Atlántica, María García, deron a coñecer hoxe, tras unha xuntanza entre ambas as dúas, o acordo para avanzar na creación dun operador enerxético municipal, unha empresa pública de enerxía, que aposte pola sostibilidade e a loita contra o cambio climático e a pobreza enerxética.

Esta reunión forma parte da etapa de diálogo e entendemento aberta entre o Goberno local e Marea Atlántica que entre outros asuntos propiciou a posta en marcha do proceso de orzamentos participativos, a elaboración do borrador da lei de área metropolitana, a modificación de ordenanzas fiscais e a ordenanza de rehabilitación, así como a gratuidade das escolas infantís municipais.

Na súa xuntanza, Inés Rey e María García analizaron tamén a situación actual do Concello, os principais retos aos que se enfronta á Coruña, e os seguintes pasos nas negociacións, ademais de poñerlle o broche a un acordo que se estivo a perfilar nas últimas semanas, a creación dunha empresa municipal de enerxía.

A Xunta de Goberno Local extraordinaria de hoxe aprobará a posta en marcha xa de medidas concretas en materia de política enerxética. En palabras da alcaldesa, “hoxe podemos anunciar a posta en marcha de accións que fomentan a transición enerxética e a loita contra o cambio climático, así como o impulso político-administrativo para a constitución dun operador ou empresa municipal de enerxía, que era un dos acordos de investidura entre o PSdeG-PSOE e a Marea Atlántica”.

Política pública, social e de loita contra o a crise climática

A voceira da Marea, María García, destacou que fortalecer a soberanía pública no sector eléctrico é “unha necesidade que xa identificáramos en 2019, pero que hoxe é máis urxente aínda: mentres os prezos da luz baten marcas históricas e se volven inasumibles para fogares e empresas, algo que só beneficia ás grandes eléctricas. Por iso iniciamos o camiño para ter unha empresa municipal de enerxía, unha política pública, social e de loita contra o cambio climático”.

Segundo os datos da Enquisa de Condicións de Vida do INE, un 11% dos fogares do Estado padecen pobreza enerxética. Falamos de máis de dous millóns de unidades familiares que non son capaces de manter as súas casas quentes no inverno, mentres Endesa, a principal comercializadora de enerxía, triplicou os seus beneficios nun ano. O prezo do quilovatio hora non deixa de medrar, en todo o mes de novembro mantívose entre os 25 e os 33 céntimos, tamén o triplo que hai un ano. Unha suba que vai ao peto das grandes empresas, amosando as consecuencias de especular cun ben de primeira necesidade.

Mapa de Enerxía Renovable e Oficina da Enerxía

O goberno e a Marea acordaron tamén a elaboración dun Mapa das Enerxías Renovables que analice as potencialidades de xeración de enerxía renovable no Concello da Coruña e a apertura dunha Oficina da Enerxía que preste asesoramento en cuestión de tarifas, aforro, eficiencia e protección de persoas en situación de vulnerabilidade. EMALCSA será a encargada da execución das prestacións necesarias para a efectividade destas iniciativas no prazo dun mes.

En relación ao contrato de renovación do alumeado público aprobado na última xunta de goberno, acordouse incorporar o requirimento de que o subministro de electricidade sexa 100% renovable.

Respecto á creación dun operador enerxético municipal, acórdase impulsar unha iniciativa económica municipal enmarcada no contexto da transición enerxética e o cambio climático como requisito previo para a súa posta en marcha. Deste xeito designarase unha Comisión de Estudo composta por membros da Corporación e por persoal técnico, que terá por obxecto redactar unha Memoria relativa aos aspectos social, xurídico, técnico e financeiro da actividade económica do operador enerxético. A designación do persoal técnico e concelleiros integrantes desta comisión de estudo efectuarase, pola Xunta de Goberno Local, no prazo máximo de dous meses.

O goberno e a Marea acordaron tamén a aprobación dun modificativo que suporá un suplemento de crédito por un valor total 1,5 millóns de euros, unha cantidade que permitirá ao Concello pór en marcha medidas como as axudas á rehabilitación na Cidade Vella e Peixería e tamén nas coñecidas como Casas de Franco e Vivendas de María Pita.

Os fondos do modificativo permitirán financiar proxectos do Eidus como o plan de humanización e naturalización do paseo marítimo, a creación e posta en marcha de hortos urbanos, o establecemento dun sistema de información de calidade ambiental, a remodelación da funcionalidade dos mercados, a reforma do centro cívico do Birloque e a creación da aula TIC.