Un estudo publicado por The Lancet analiza o impacto da falta de zonas verdes na mortalidade dun milleiro de urbes europeas: A Coruña ocupa o posto 10 entre as cidades con máis problemas
O 67% da veciñanza da Coruña está por debaixo das recomendacións da OMS en canto ao acceso a parques e xardíns, empeorando a súa calidade de vida
A voceira da Marea Atlántica, María García, reclama a inmediata reactivación do Plan de Infraestrutura Verde do Concello da Coruña, que se aprobou no pasado mandato, pero que Inés Rey mantén paralizado e sen plan de actuacións. “Un recente informe do Instituto de Salud Global de Barcelona (ISGlobal), publicado na revista The Lancet, amosa que A Coruña é a décima cidade de Europa con peor acceso a zonas verdes”.
Hai tempo que a Organización Mundial da Saúde vén sinalando a relación entre a escaseza de zonas verdes nas áreas urbanas e o incremento da mortalidade, pero agora este estudio europeo aplica os datos e recomendacións a un milleiro de cidades en 31 países europeos. Así, na lista de urbes con peor acceso a parques e xardíns A Coruña ocupa o posto número 10, tendo só a outra cidade do Estado en peor posición, Xixón, no posto 4.
En concreto, a OMS recomenda ter unha zona arborada a menos de 500 metros da casa. E na Coruña, un 67% da poboación non cumpre ese requirimento, o que se traduce en peor saúde e calidade de vida, e nunha renuncia a enfrontar a crise climática. Tamén se recomenda ter, de media, unha árbore por cada tres habitantes, pero na Coruña temos so unha para cada 15 persoas.
María García lembrou que “o goberno de Xulio Ferreiro deu resposta a estes problemas, coa Estratexia de Infraestrutura Verde para ampliar as zonas naturais na cidade, e co plan de expansión de arborado, que serviu para plantar 1.600 novas árbores en dous anos. Pero desde que goberna a Inés Rey estas iniciativas están completamente paralizadas, como todas as da Área de Medio Ambiente”.
Acordos incumpridos en materia ambiental
A Estratexia de Infraestrutura Verde inclúe medidas como a creación dos Bosques da Coruña nos Rosais e Feáns, que teñen proxectos listos desde 2019, a ampliación das hortas urbanas en Monte Alto e a creación de hortas novas en Palavea. Todas estas medidas forman parte do acordos acordos entre a Marea Atlántica e o PSOE, e todas elas están incumpridas.
Do mesmo xeito, e como sinalou María García durante a sesión plenaria de onte, o goberno local debería escoitar a proposta da veciñanza do Martinete para crear un gran Parque Cidade ao carón do río Monelos, conectando este barrio con Pocomaco, Someso e Vío.
O desinterese nas zonas verdes, sobre todo o daquelas que non están nos Cantóns, faixe evidente cando se desaproveitaron os 6,6 millóns de euros que o contrato de parques e xardíns incluía nos dous últimos anos para melloras e reformas. O goberno segue a ser incapaz de explicar como e onde os investiu, se é que o fixo. Onte no Pleno volveron negarse a ofrecer datos ao respecto.
As zonas verdes proporcionan saúde. Xa son numerosos os estudos médicos que confirman que ter parques, bosques ou xardíns reduce o risco de sufrir doenzas psiquiátricas ou cardiovasculares e aumenta a esperanza de vida da poboación. A vexetación tanmén fixa CO2 para evitar o efecto invernadoiro, mellora a calidade do aire e reduce o ruído. Por iso insistimos en que non se abandonen as políticas de infraestrutura verde.