Escoitar as iniciativas cidadás é un bo punto de partida para comezar a elaboración das contas municipais para 2023
Pediremos datos sobre o grao de execución das convocatorias anteriores
As propostas da veciñanza deben recollerse e valorarse con rigor, evitando arbitrariedades coma as do ano pasado
Desde a Marea Atlántica, saudamos a convocatoria da sexta edición dos Orzamentos Participativos na Coruña, xa reclamada en varias ocasións polo noso grupo e notificada hoxe polo goberno local, cumprindo un dos acordos de investidura de Inés Rey. “Mantense unha iniciativa de democracia directa que naceu durante o mandato de Xulio Ferreiro, un dereito xa gañado e que permite que a veciñanza elixa unha parte dos investimentos do seu Concello”, sinala a nosa voceira, María García.
Escoitar as propostas cidadás é un bo punto de partida para comezar a elaboración duns Orzamentos 2023 no Concello da Coruña, unha ferramenta necesaria nestes tempos de crise. Tal e como sinalou a nosa voceira, María García, no Pleno de onte, se o goberno fai o seu traballo, o noso grupo está disposto a iniciar esta negociación cara o último exercicio do presente mandato. Pero para iso tamén é imprescindible avanzar no cumprimento dos acordos xa asinados, que polo de agora é moi deficiente: a metade das medidas de calado están paralizadas e sen avances.
Cantas propostas quedaron sen executar?
Do mesmo xeito, parécenos importante coñecer o estado de execución das propostas aprobadas nas edicións anteriores, “para que a vontade da veciñanza non quede incumprida e para que os Orzamentos Participativos sexan algo máis ca unha posta en escena”, en palabras de María García O luns rexistraremos unha solicitude de acceso ás convocatorias desenvolvidas neste mandato, a de 2019 e a de 2021, xa que en 2020 a alcaldesa decidiu non abrir o procedemento por mor da pandemia.
Porén, chega cos prazos moi xustos e xa na recta final do ano, máis tarde aínda que o ano pasado, cando se convocara o 7 de agosto. O habitual no goberno da Marea Atlántica era iniciar o proceso en torno ao mes de maio, dando tempo suficiente para elaborar, recoller e valorar as propostas veciñais. Esta falta de tempo xa causou problemas en 2021, coa eliminación arbitraria de propostas, un erro que non debe repetirse. Polo momento, ampliar as fases de apoios e votación ata os 12 días (fronte aos oito do ano pasado) é un paso na boa dirección, ao igual que aumentar de tres a seis as urnas para a participación presencial.
Doutra banda, a proposta inicial do goberno mantén a contía dos Orzamentos Participativos en 2,5 millóns de euros, o mesmo que o ano pasado, pero un recorte con respecto a 2019. Daquela eran 3 millóns de euros, un millón para proxectos que afecten a toda a cidade e 200.000 euros para cada un dos dez distritos da Coruña. Dado que favorecer o investimento nos barrios é un dos obxectivos principais desta convocatoria, pedímoslle ao goberno municipal que non reduza os fondos dispoñibles para os distritos.
Un dereito gañado en 2016
Manter a convocatoria dos Orzamentos Participativos era un dos compromisos que o PSOE asumiu coa Marea Atlántica para facer posible a investidura de Inés Rey. Trátase dunha iniciativa que puxo en marcha o goberno de Xulio Ferreiro en 2016, facendo partícipe á veciñanza dos investimentos do Concello e outorgando un dereito que se consolidou ao longo de catro anos.
O diálogo, sen intermediarios, é un dos piares sobre os que se constrúe unha cidade verdadeiramente democrática. Por iso, celebramos que se manteñan os Orzamentos Participativos e vixiaremos que o seu desenvolvemento estea á altura da súa importancia.