A voceira da Marea Atlántica compareceu ante os medios xunto ao BNG o PP para denunciar a falta de transparencia e debate no apresurado proceso de aprobación da Axenda Urbana
En decembro de 2020, o goberno aceptou unha iniciativa dos tres grupos da oposición para elaborar o documento nunha comisión especial: non cumpriu nin un só punto do acordo
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, compareceu hoxe ante os medios de comunicación para denunciar a tramitación apresurada, torpe, falta de transparencia e sen debate coa oposición que o goberno local aplicou para aprobar hoxe un documento coma a Axenda Urbana da Coruña, no que se debuxa o modelo de futuro para a cidade e que resulta decisivo para acceder a fondos europeos. “Tiveron todo o mandato para facer este traballo, e presentáronnolo a seis días de rematar o prazo para aprobalo unilateralmente nunha Xunta de Goberno, toda unha chapuza. Amosa a falta de interese do goberno de Inés Rey polas políticas que non caben no encadre dunha foto”, sinalou.
María García fixo estas declaracións xunto a Avia Veira, do BNG, e Roberto Rodríguez, do PP, que tamén denunciaron a falta de transparencia no proceso de aprobación. A nosa portavoz explicou que “na Axenda Urbana recóllese o modelo de cidade para os vindeiros anos, na liña dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibe das Nacións Unidas, ese modelo de cidade do que o PSOE tanto fala pero logo non adoita aplicar”. Debe ser un proxecto de toda a Corporación, que guía os obxectivos do Concello a medio e longo prazo, moito máis alá dun mandato, e non debería terse aprobado sen diálogo e sen o consenso necesario.
En decembro de 2020 o goberno local aceptou unha iniciativa rexistrada conxuntamente polos tres grupos políticos que comparecemos hoxe e aprobada por unanimidade no Pleno. Nela, fixábase o compromiso de crear unha Comisión Especial da Axenda Urbana para darlle forma ao documento entre todos os grupos municipais, entre outras cuestións. Nin un só dos termos deste acordo foi cumprido.
“En lugar diso, o goberno convocounos o pasado día 7 a unha xuntanza informativa, na que unha empresa nos presentou as liñas básicas da Axenda Urbana. Un documento de 1.300 páxinas que nin sequera se non entregou ata o remate da reunión”, explicou María García. En outubro de 2021 rexistramos varias preguntas de resposta escrita para coñecer a marcha do proceso, e a única contestación foi que “estaban niso”. Non houbo máis novas ata esta xuntanza exprés da semana pasada e a Xunta de Goberno Local de hoxe.
Así, o documento remíteselle ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana un día antes de que remate o prazo para non ter que devolver os 250.000 euros en fondos Next Generation da UE que o Concello recibiu para a súa elaboración. Deberes entregados a última hora e sen o consenso necesario. Neste contexto, de pouco serve que o executivo local prometa un Pleno Extraordinario para facer axustes na Axenda Urbana. O groso do documento xa está pechado.
A Coruña foi cidade piloto da Axenda Urbana en 2019
As cousas poden facerse doutro xeito, como se demostrou durante o mandato de Xulio Ferreiro, cando A Coruña foi designada como cidade piloto para todo o Estado a comezos de 2019. “Como pasamos diso a un goberno que entrega os deberes mal e a última hora?”, preguntouse María Garcia. Non quixo afondar nos contidos da Axenda Urbana elaborada polo goberno do PSOE ata ter tempo de estudala a fondo, pero adiantou que, nunha primeira ollada, “semella pobre e falta de ambición, propoñendo medidas que non se corresponden co diagnóstico dos grandes retos”.
Finalmente, María García lamentou que alcaldesa non se implicase en absoluto no proceso de deseño e planificación da Axenda Urbana, no que estivo completamente ausente: “Só podo sorprenderme de que Inés Rey non se puxese en contacto cos grupos nin unha soa vez para falar dun asunto coma a Axenda Urbana, que define o modelo de cidade a desenvolver ata 2030”.