No pasado mandato, o proceso dos Orzamentos Participativos comezaba en torno ao mes de maio. Estamos rematando xuño e nada se sabe deles, pese a ser un dos compromisos da alcaldesa
A convocatoria do ano pasado lanzouse en outubro, con prazos moi curtos e criterios arbitrarios que deixaron fóra centos de achegas
A Marea Atlántica reclámalle ao goberno local que poña en marcha a convocatoria dos Orzamentos Participativos con tempo suficiente para que a veciñanza poida realizar as súas propostas sen contratempos e sen os apuros que se produciron o ano pasado, con prazos moi curtos e un proceso que deixou fóra centos de achegas.
A nosa voceira, María García, lembra que “no pasado mandato, cando se creou esta vía para que a xente poida participar de xeito directo nas contas do seu Concello, o proceso comezaba en torno ao mes de maio. O ano pasado púxose en marcha en outubro, nunha tramitación demasiado acelerada e con obstáculos á tramitación das propostas veciñais”.
Convocar os Orzamentos Participativos foi un dos compromisos aos que o PSOE chegou co noso grupo para facilitar a investidura da alcaldesa, e debería ser o primeiro paso para a elaboración dos presupostos de 2023. Polo tanto, instamos ao goberno local a non esquecer nin os seus acordos políticos nin as súas obrigas de cara a veciñanza.
Un dereito gañado en 2016
Os Orzamentos Participativos puxéronse en marcha no goberno de Xulio Ferreiro, experimentando unha crecente participación e aceptación con cada convocatoria. Deixaron de convocarse en 2020, por mor da decisión unilateral da alcaldesa de non aprobar uns orzamentos municipais, e recuperáronse o ano pasado, non sen complicacións. “Son unha ferramenta de democracia directa e un dereito gañado pola veciñanza, algo que un goberno que se di progresista debería conservar”, conclúe García.