Saltar ao contido

Claudia Delso: “Xusto no ano no que a veciñanza recuperou o seu dereito e bateu marcas de participación, o PSOE desvirtúa a natureza dos Orzamentos Participativos” 

Amosamos o noso malestar pola falta de interese e transparencia coa que se está a xestionar a convocatoria 2021

A Marea Atlántica transmite o seu malestar porque o goberno local non estea a respectar a natureza dos Orzamentos Participativos, a de darlle voz á veciñanza dunha parte do presuposto municipal. A concelleira Claudia Delso, denuncia que “aplicaron criterios moi arbitrarios e nada transparentes para avaliar as propostas cidadás, e desbotaron centos sen motivo. O PSOE desvirtúa a natureza dos Orzamentos Participativos. É unha mágoa que isto suceda xusto no ano no que a cidadanía consolidou o seu dereito e bateu unha marca de participación”. 

Delso, quen foi responsable de Participación no pasado mandato, sinala que primeiro foron rexeitadas todas as propostas que tiñan menos de 90 apoios, “un límite que é case o dobre que os 50 que se pedían en anos anteriores, e do que non se avisou previamente. Tamén se aplicou de forma indiscriminada en todos os distritos, sen ter en conta o número de habitantes”. Distritos que, por certo, non seguen o modelo de anos anteriores, equilibrado en canto a poboación, senón os distritos electorais, entre os que existen enormes diferenzas. 

E mesmo tras este corte arbitrario, rexeitáronse ducias de iniciativas con argumentos moi febles e sen xustificación. “Nalgúns casos, mesmo se fai evidente que nin sequera se mirou a proposta máis aló do título. E así, temos distritos nos que había un cento de ideas e agora queda media ducia. Non pode ser”, sinala Delso. Desbótanse propostas ambiciosas, pero viables, e mantéñense outras que deberían ser parte do traballo rutineiro do goberno, coma o mantemento de centros cívicos e colexios. 

De costas á veciñanza

Todo o proceso levouse a cabo, ademais, sen ningún tipo de comunicación coas persoas propoñentes. En lugar de dar facilidades para adaptar e rescatar as propostas, como se facía no pasado mandato, decidiuse unilateralmente por parte do goberno, amosando falta de coidado, transparencia e atención. Por exemplo: aquelas propostas que superasen o orzamento previsto para un distrito podían terse sumado á votación como propostas para o conxunto da cidade. Así se fixo en convocatorias anteriores, involucrando tanto á cidadanía como ao funcionariado.

O goberno de Inés Rey recuperou os Orzamentos Participativos neste 2021 grazas á presión da Marea Atlántica nas negociacións, para que o primeiro paso das contas de 2022 partise da vontade cidadá. Pero fíxoo con prazos demasiado curtos, con dificultades excesivas para a participación, e cun evidente desinterese. 

“En resumo, en lugar de respectar a vontade da veciñanza e traballar para facela realidade, o goberno do PSOE está a dificultar a participación. Os Orzamentos Participativos, un dereito cidadán que A Coruña gañou en 2016, non poden xestionarse deste xeito”, conclúe Claudia Delso. 

Denunciamos a eliminación arbitraria de centos de propostas cidadás nos Orzamentos Participativos