Teremos un posto no campamento dos xardíns para informar á veciñanza do servizo de asesoramento de balde a persoas en situación de vulnerabilidade que financiamos cos excedentes salariais dos nosos cargos públicos

Acampa pola Paz é unha iniciativa cidadá que busca a defensa dos dereitos humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio, e que conta co noso apoio desde a súa primeira edición


A Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica estará presente esta fin de semana nos xardíns de Méndez Núñez, para participar na iniciativa Acampa pola Paz, para apoiar as súas reivindicacións en defensa dos dereitos humanos e o dereito ao refuxio, e para informar á veciñanza do noso servizo de asesoramento administrativo ás persoas en situación de vulnerabilidade social. 

Os días 9, 10 e 11 de setembro, mentres dure o programa de Acampa, teremos un posto no seu campamento deste o que informar do traballo da Oficina dos Dereitos. O stand permanecerá aberto de 10.00 a 14.00 e de 16.00h a 19.30h. 

A nosa iniciativa, posta en marcha en xullo de 2020, prestou apoio a ducias de persoas para resolver trámites burocráticos, acceder a axudas públicas e recibir orientación do educador social Rodrigo Gil. Para solicitar a axuda da Oficina dos Dereitos só é necesario pedir cita no correo dereitos@mareatlantica.org ou no teléfono 604 086 724. Desde o mes de outubro de 2020 ofrece 12 horas de atención semanal para complementar o traballo das institucións e as entidades do terceiro sector.

Recentemente, denunciamos a situación de varias persoas na Coruña que non tiñan acceso á vacinación no Sergas, por ser solicitantes de asilo ou carecer de teléfono móbil, conseguindo que varias fosen atendidas. 

Este servizo finánciase cos excedentes salariais dos cargos públicos da Marea Atlántica, que perciben un máximo de 35.000 euros anuais, por debaixo dos 40.000 que marca o noso Código Ético, e doan o resto. Grazas a eses fondos préstase asistencia á veciñanza en situación vulnerable, ao igual que outras iniciativas como a Xanela de Proxectos: unha convocatoria para financiar propostas de interese social na Coruña, cuxa segunda edición está en marcha nestes momentos.

‘A vida negada’

Esta edición de Acampa pola Paz leva por título “A vida negada”, e reflexiona sobre o impacto que a explotación incontrolada dos recursos naturais ten en moitos países, como causa da avaricia e explotación colonialista. No evento participarán activistas como as brasileiras Luana Kaingang e Marina dos Santos ou a congolesa Julienne  Lusenge. Este ano, o campamento de Méndez Núñez reproducirá un asentamento do Movimento de Trabalhadores Sem Terra do Brasil (MST).

Neste encontro, ademais, entregaranse os primeiro Recoñecementos Internacionais Acampa á defensa dos Dereitos Humanos, que recaeron precisamente no MST e en Nicanor Acosta, tamén Republicano de Honra e toda unha referencia no activismo coruñés. 

O programa completo desta quinta edición de Acampa pola Paz pode consultarse na súa páxina web