Saltar ao contido

O texto reclama a condonación da débeda na vindeira Lei de Orzamentos do Estado, como en Valencia. Hai que rachar o marco urbanístico, xurídico e financeiro que lastra o futuro da fachada marítima 

María García: “O PP defende ao debedor, a Autoridade Portuaria da Coruña, e o PSOE defende ao acredor, Puertos del Estado. Nós pedísmoslles que defendan á cidade aló onde conta, nas reunións interadministrativas”


A Marea Atlántica logrou aprobar hoxe, por unanimidade e transaccionando emendas co PSOE e o PP, unha moción na que marca unha folla de ruta para recuperar a fachada marítima da Coruña e levantar a hipoteca da débeda portuaria. Así, co voto favorable de todos os grupos da Corporación, reclámase o mesmo trato que se lle deu a Valencia, coa condonación da débeda a través da Lei de Orzamentos Xerais do Estado. E, en paralelo, a ruptura co marco urbanístico, xurídico e financeiro que lastran o futuro da fachada marítima e cargan a cidade co peso da débeda do porto.

“Estamos a asistir a unha sucesión de xuntanzas, con foto e co ollo posto nas eleccións de 2023, pero nas que se acepta que a cidade ten que pagar por unha obra de interese xeral do Estado como é o porto. E iso non pode aceptarse. O goberno central ten 1.700 millóns libres tras cancelar a ampliación do aeroporto de El Prat, ben pode dedicarlle 200 á Coruña”, resumiu a voceira da Marea Atlántica, María García.

A concelleira pediulle ao PP e ao PSOE que respecten o pactado no Pleno, negándose a pagar por algo que é responsabilidade do Estado, fomentando un consorcio público para xestionar os peiraos, e defendendo usos cidadáns en produtivos antes que negocios urbanísticos. “Non se esquezan, e defendan este acordo político aló onde importan, nas xuntanzas interadministrativas que terán a vindeira semana. Polo de agora, o PP defende ao debedor, a Autoridade Portuaria da Coruña, e o PSOE defende ao acredor, Puertos del Estado. Nós pedísmoslles que defendan á cidade”. 

Aprobadas as tres mocións da Marea Atlántica

O grupo da Marea Atlántica logrou aprobar as outras dúas mocións que presentou nesta sesión plenaria. A reclamación dunha data concreta e un compromiso concreto para a apertura do polideportivo do Castrillón recibiu tamén o voto unánime de todos os grupos. Como resumiu a concelleira Claudia Delso, “levan desde decembro de 2020 sen trasladarlle a EMVSA os fondos necesarios para rematar as obras, incumprindo anuncios de inauguración e ocultando datos”.

Neste punto, Delso insistiu en que o goberno local está a ignorar informes técnicos que recomendan a xestión pública directa do complexo deportivo do Castrillón, xunto co de San Diego. E así se reclama tamén nesta moción, aínda que o goberno local opta por ignoralo e deixar ambos centros en mans dunha empresa privada, unha fórmula máis cara e ineficiente.

Celebramos, en todo caso, que tras presentar esta iniciativa a alcaldesa aceptase por fin ter un encontro coa Asociación Veciñal do Castrillón para escoitar e compartir información de primeira man. Levaban meses agardando por esta cita. 

Finalmente, todas as formacións políticas agás o PP apoiaron a nosa moción en defensa do ensino público e contra os recortes da Xunta que denuncian ANPAs, sindicatos e persoal docente. “Comeza o terceiro curso escolar marcado pola pandemia, e Feijóo volveu coller as tesoiras, con menos prazas, colexios pechados e falta de profesorado de apoio”, como sinalou Silvia Cameán.

Dende 2009, a Xunta de pechou 138 centros públicos de ensino, pese a que as matrículas do alumnado aumentaron un 8% no mesmo período. Nese tempo, o orzamento da Consellería de Educación reduciuse en 113 millóns de euros. E, en contrapartida, só este ano aumentaron en 16 os centros concertados. 

A cidade precisa un Plan de Vivenda

Doutra banda, o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, lembroulle ao goberno local a necesidade de aprobar un Plan de Vivenda no Concello, como se ten aprobado xa en numerosas mocións, porque “todos os indicadores, dá igual cal mire, amosan que temos un problema de acceso á vivenda na Coruña”. Neste sentido, reclamou políticas valentes, desde unha perspectiva global, e convidou ao PSOE a avanzar nestes proxecto canto antes: “A nosa man está tendida para garantir o dereito a un teito”. 

Fíxoo durante o debate dunha moción do BNG para apoiar proxecto de Outra Forma de Vivenda para crear vivenda sustentable, comunitaria e en cesión de uso, que conta con todo o noso apoio.

Preguntas de control ao goberno

Na quenda de preguntas orais, a Marea Atlántica pediulle ao goberno local unha reflexión tras a sentenza que condena a Inés Rey por vulnerar os dereitos fundamentais da oposición. María García advertiu de que esta situación, que atenta contra os dereitos de todas as persoas que nos escolleron para representalos no Concello, “non pode volver a repetirse. Desde un goberno en minoría debe escoitar e negociar, porque así o quixo a veciñanza. E, desde logo, non pode mentir e botarlle a culpa a informes técnicos dos seus propios erros”. 

Silvia Cameán pediu información sobre o compromiso do Concello da Coruña fronte aos crecentes problemas de saúde mental tras a pandemia de COVID, pois “o goberno mirou sen facer nada como a Xunta pechaba a Unidade de Saúde Mental Infantil e Xuvenil en Eirís sen facer nada e sen reorientar os recursos municipais”. Así, instou ao goberno local a facer coma o de Cambre, que acaba de abrir unha unidade de atención psicolóxica temperá para a infancia, e poñer en marcha un Plan de Saúde Mental, “porque desde a proximidade pode facer moito”. A concelleira de Servizos Sociais, Yoya Neira, prometeu estudar as posibilidades. 

Menos receptivo foi o responsable de Urbanismo, Juan Manuel Díaz Villoslada, cando Iago Martínez preguntoulle se pode garantir que o proxecto de vivendas na Maestranza non vai afectar aos restos da muralla defensiva. Villoslada defendeu o Estudo de Detalle aprobado polo goberno, a pesar de que, como sinalamos nas nosas alegacións, é contrario á defensa do patrimonio, a lei do solo e aos criterios de desenvolvemento urbano sostible do Concello. O noso vicevoceiro lembrou que este “pésimo modelo urbanístico” foi aprobado polo PSOE en solitario, e reclamou “máis diálogo e máis política, porque nos xogamos moito”. 

O Pleno aproba, por unanimidade, unha moción da Marea Atlántica cunha folla de ruta clara para recuperar a fachada marítima