Saltar ao contido

Esta segunda convocatoria contará cun total de 12.000 euros para financiar proxectos sociais e culturais, aberto a todas as entidades sen ánimo de lucro da Coruña

Xanela de Proxectos e unha iniciativa da Marea Atlántica e finánciase co excedente salarial dos cargos institucionais no Concello e na Deputación.

 O prazo para presentar propostas está aberto ata o 13 de setembro

 María García, voceira do Grupo Municipal da Marea Atlántica, presentou hoxe unha nova convocatoria da Xanela de Proxectos, que este ano contará cun total de 12.000 euros, 2.000 máis que na convocatoria do ano pasado.

Financiada exclusivamente con cargo aos excedentes salariais do Grupo Municipal e do Grupo Provincial da Marea Atlántica, trátase dunha convocatoria aberta ao tecido asociativo sen ánimo de lucro da cidade, poñendo recursos ao seu dispor para desenvolver ideas e proxectos con capacidade para mellorar  A Coruña.

Como di María García: “A Xanela de Proxectos bebe directamente do noso Código Ético. A Marea Atlántica definiu un teito salarial de 35.000 euros anuais para as persoas con cargos institucionais. Cando o PSOE, nada máis chegar, lle subiu o soldo a toda a corporación xa adiantamos que doaríamos o excedente a proxectos que reverteran positivamente na sociedade. Porén, nesta segunda convocatoria, tendo en conta o éxito da primeira, decidiuse ampliar a dotación ata 12.000 euros”.

 12.000 euros para 6 proxectos

A convocatoria, de carácter anual, está dotada cun total de 12.000 euros (2.000 máis que a anterior), e cada proxecto pode optar a un máximo de 2.000 euros. Poden participar as asociacións, fundacións ou cooperativas sen ánimo de lucro que teñan o seu ámbito de actuación na cidade da Coruña.

Trátase de que a Marea Atlántica faga a súa achega particular para construír unha sociedade máis solidaria e inclusiva á vez que se reforza o sentimento de comunidade”, matizou María García.

A primeira convocatoria de Xanela de Proxectos resultou un éxito con 19 proxectos presentados dos que se seleccionaron as 5 iniciativas impulsadas que financiamos cun total de 10.000 euros: para fomentar a inclusión das migrantes a través da cultura galega, protexer a saúde de colectivos vulnerables, organizar o voluntariado en tempos de pandemia e dinamizar os barrios de Palavea e O Campanario.

Obxectivos e liñas programáticas

“En xeral tratarase de apoiar aos proxectos que impulsen os cambios necesarios para fortalecer a sociedade post-pandemia” explicou a voceira da Marea Atlántica, que ademáis agregou, “máis polo miúdo, os obxectivos pasan por contribuír a unha cidade máis próxima, solidaria e aberta, á innovación e á xustiza social e a fortalecer o tecido social”.

Nesta, a segunda convocatoria da Xanela de Proxectos o feminismo e o ecoloxismo terán que ter presencia nas propostas ou construírse dende esas perspectivas, do mesmo xeito que se valorarán as que poñan o foco no dereito á vivenda, a mobilidade, a  saúde, os coidados, os dereitos civís, o consumo responsable, no tecido cultural local e na dinamización socio comunitaria.

Abrir esta Xanela de Proxectos non é a única acción financiada cos excedentes salariais dos cargos públicos da Marea Atlántica. Súmase tamén a Oficina dos Dereitos, dende a que se ofrece de balde, asesoramento xurídico e administrativo, ás persoas en situación de vulnerabilidade social.

Detalle dos prazos

23 de xullo 20201 Constitución do tribunal e comité avaliador
26 de xullo 2021 Publicación da convocatoria
Do 27 de xullo ao 13 de setembro  2021 Presentación online dos proxectos
14 ao 26 de setembro 2021 Avaliación
27 de setembro 2021 Publicación dos resultados provisionais
Do 28 ao 30  de setembro 2021 Período de emendas
4 de outubro 2021 Publicación dos resultados definitivos

 

Máis información: Convocatoria e bases.

Nova edición da Xanela de Proxectos con máis fondos para financiar iniciativas sociais