Claudia Delso: “O goberno local herdou un proxecto da Marea Atlántica e, grazas ao noso voto, pode darlle fondos a EMVSA para rematar as obras. Ten todo de cara e non é quen de resolver”
No Pleno deste xoves, reclamaremos tamén a xestión pública para os centros deportivos do Castrillón e San Diego, como recomendan os informes técnicos
A Marea Atlántica defenderá no Pleno do Concello da Coruña, este xoves, unha moción reclamando que o polideportivo do Castrillón teña canto antes unha data de apertura definitiva, tras acumular atrasos durante os últimos anos. E a facelo seguindo as recomendacións dos informes técnicos que recomendan unha xestión conxunta e pública tanto das instalacións do Castrillón coma das de San Diego.
Demandamos, tamén, que o goberno local execute dunha vez a ampliación de capital da Empresa Municipal de Vivenda, EMVSA, aprobada no Concello de Administración de decembro de 2020, para que a empresa pública conte cos fondos necesarios. Finalmente, a nosa proposta insta a Inés Rey a “informar de maneira transparente a veciñanza do barrio e á súa entidade veciñal do estado do polideportivo e dos prazos de apertura”. Para que EMVSA conte cos fondos, só é preciso facer un modificativo de crédito. Irán dous ao vindeiro Pleno, pero o barrio do Castrillón segue agardando a que se atenda o seu caso.
A concelleira Claudia Delso debateu o asunto hoxe na Comisión de Deportes, e denunciou que “o goberno local non ofreceu resposta a ningunha das incógnitas que pesan sobre o proxecto. Non dan unha data de inauguración, non responden como van resolver a xestión privada dunhas instalacións propiedade municipal e, moi grave, por que non informaron de que xa en febreiro detectaron que serían necesarias novas obras de reforzo na estructura. O nivel de opacidade é total”.
Así, tras a xuntanza que mantivemos todos os grupos da oposición o 18 de agosto coa Asociación Veciñal do Castrillón, Urbanización Soto e IAR, queremos trasladar a súa preocupación, que tamén é a nosa, pola falta dun horizonte claro para a apertura do polideportivo. O goberno municipal ten todas as facilidades, pero non é quen de rematar as obras.
A pesar de que ten o proxecto herdado do mandato anterior e os fondos dispoñibles grazas a unha corporación municipal responsable, o goberno non está a ser quen de fixar unha data de apertura para estas instalacións deportivas. E a pesar de contar con informes favorables tanto de EMVSA como do Servizo de Deportes, escolle privatizar a xestión en vez de apostar polo público. “Faino en contra do prometido e varias veces no Pleno, e co agravante de que podería recuperarse tamén o polideportivo de San Diego, cuxo contrato leva máis de dous anos caducado”.
Ademais, Inés Rey está a desaproveitar a oportunidade de apostar polo público que se abriu cando o Estado relaxou a regra de gasto por mor da pandemia. Por primeira vez unha década soltáronse as cadeas da Lei Montoro e os concellos teñen facilidade para municipalizar servizos.
Que pasa con Street Games?
Doutra banda, Claudia Delso preguntou na Comisión de Deportes polo futuro do evento internacional Street Games, que está en risco de marchar da Coruña pola falta de apoio do goberno local, e tampouco obtivo resposta. Unha cita que en 2019 reuniu a 85.000 persoas no Parrote e a 300 deportistas de 13 países non parece ser do interese da Concellería de Deportes que se limita a botar balóns fóra.