Saltar ao contido

A xunta de goberno local foi convocada con 15 minutos de antelación para aprobar as propostas de cambio nos impostos municipais, sen conversas previas nin documentación, in extremis para que as ordenanzas entren en vigor o 1 de xaneiro


Iago Martínez: “Estamos ante un novo xesto da minoría absolutista de Inés Rey, cunha proposta pouco ambiciosa e nada redistributiva para os tributos locais”


O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia un novo xesto autoritario do goberno de Inés Rey, que hoxe convocou con 15 minutos de antelación unha Xunta de Goberno Local sobre os cambios nas ordenanzas fiscais para o vindeiro ano. A convocatoria fíxose sen diálogo previo e sen documentación de ningún tipo, malia que as ordenanzas deben ser aprobadas no pleno con apoio da oposición. “Estamos ante un novo xesto da minoría absolutista de Inés Rey, que unha vez máis ignora toda negociación”, sinalou o noso vicevoceiro e representante na Comisión de Facenda, Iago Martínez. 

 

 

A falta de coñecer os detalles técnicos, xa que carecemos doutros datos que non sexan as declaracións verbais do goberno, a proposta é pobre, pouco ambiciosa e nada progresista. “O PSOE non parece ter interese en aumentar o carácter redistributivo dos impostos municipais nin de achegar medidas para combater a crise do coronavirus”, sinalou Iago Martínez. “É outra oportunidade perdida. Nin son capaces, nin admiten axuda”.

A tramitación comeza tarde, ademais, xusto no límite dos prazos para tela lista o 1 de xaneiro e chega de forma improvisada. 

Como ocorreu cos Orzamentos 2021 o PSOE volve negarse a todo diálogo e  goberna coma se tivera maioría absoluta, desprezando a negociación democrática e renunciando a atallar as consecuencias da pandemia.

O PSOE despreza o diálogo e renuncia a afrontar a pandemia nas ordenanzas fiscais