Saltar ao contido

O executivo de Inés Rey non pode desertar das súas responsabilidades, e menos nestes momentos críticos para o futuro da cidade e o benestar da veciñanza máis vulnerable

Renunciar á aprobación duns novos orzamentos sería, por parte do PSOE, un sinal de desprezo ao diálogo e unha renuncia a atallar as consecuencias da pandemia

 

O grupo municipal da Marea Altántica vén de rexistrar unha moción para o próximo Pleno na que se lle reclama ao goberno municipal que cumpra as súas obrigas, rectifique e elabore un proxecto de Ozamentos para 2021 no Concello da Coruña. É necesario para adaptar as políticas á situación de crise que está a comezar e que seguirá a desenvolverse no próximo ano, fronte á que unha prórroga orzamentaria resulta insuficiente.

“O goberno municipal provoca deste xeito unha notable redución do investimento para o ano que vén, nun momento no que a crise económica en curso torna máis necesario ca nunca o rol das administracións como motor económico e o aproveitamento de todos os recursos posibles para aliviar unha situación que ameaza con levar a nosa sociedade ao colapso”, di a nosa proposta. Como indicamos esta semana, nun escrito dirixido á alcaldesa, e unha decisión irresponsable e desleal.

Na moción, que se debaterá no Pleno de novembro e á que convidamos a todos os grupos a sumarse, sinálase que “o goberno da Coruña non pode desertar das súas responsabilidades nestes momentos especialmente críticos para o futuro da nosa cidade”. Non ter orzamentos supón renunciar a novos investimentos, arriscar os convenios e acordos coas entidades sociais, veciñais e deportivas, e desprezar o diálogo cos grupos que fixeron posible a gobernabilidade ata agora.

Lembramos, tamén, que na sesión plenaria de outubro, o PSOE, xunto á Marea Atlántica e o BNG, aprobou unha moción que instaba, literalmente, “en cumprimento dos acordos de investidura subscritos polo Grupo Municipal Socialista, a negociar os orzamentos de 2021 cos grupos municipais que facilitaron a investidura da actual alcaldesa”. Só dúas horas despois, o portavoz do goberno, José Manuel Lage, anunciaba a prórroga dos Orzamentos 2020 e referíase ao diálogo coma unha “performance”. 

“Esta declaración pon en evidencia, de xeito retroactivo, a concepción do diálogo e o acordo entre as diferentes organizacións políticas que ten a alcaldesa, unha mera pantomima ou mascarada que se vía obrigada a interpretar pola forza dos feitos, da súa situación de minoría absoluta no Pleno, e non pola vontade de construír un futuro para a cidade da Coruña desde a cooperación e o consenso”, di o texto da moción.

O PSOE dificulta o entendemento

As últimas decisións do partido socialista parecen encamiñadas a dificultar o entendemento coa maioría progresista do Pleno. A nosa voceira municipal, María García, lembra que “desde a Marea Atlántica cumprimos a nosa parte, facilitando a investidura de Inés Rey, a aprobación dos Orzamentos 2020, as ordenanzas fiscais, varios modificativos e o primeiro plan de choque do Concello fronte ao coronavirus. Quen non cumpre é o PSOE, que aínda ten pendentes tres de cada catro acordos”. 

Ademais, o equipo de goberno protagoniza un xiro á dereita incorporando a unha tránsfuga de ciudadanos. E decide, unilateralmente, privar A Coruña duns Orzamentos para 2021. O camiño ata o de agora non é bo, pero están a tempo de rectificar. “Ao PSOE non lle debemos nada, o noso compromiso é co dereito á cidade. Nesa senda sempre temos a porta aberta a novos acordos”, sinala María García.

A Coruña precisa uns Orzamentos para facerlle fronte á crise en 2021