Saltar ao contido

A incorporación da tránsfuga Mónica Martínez so serviu para agravar as loitas internas entre familias do PSOE e esta tampouco será esta a última reestruturación que vexamos

A alcaldesa recoñece que a área de Emprego estaba desaparecida nun momento de gravísima crise

O goberno da Coruña agudiza hoxe, co cese de Eva Martínez Acón como responsable de Emprego, a crise na que está inmerso case desde o día seguinte á investidura, atrapado nunha guerra interna entre as familias do PSOE. Nestes momentos de crise social, económica e sanitaria, actuar así é unha enorme irresponsabilidade.

Ponse de manifesto a febleza dun goberno escaso de efectivos e con nula cohesión interna. De nada serviu o baile de competencias executado en setembro para incorporar á tránsfuga Mónica Martínez.

Resulta preocupante para o futuro da nosa cidade asistir a unha nova crise deste goberno, a máis grave de todas as que tiveron lugar ata agora, e que se suma aos cambios continuados das competencias dos concelleiros Borrego, Sobral e Celemín, ademais da incorporación da tránsfuga Mónica Martínez.

O cese de Martínez Acón é, ademais, un recoñecemento de que a área de Emprego está completamente paralizada, xusto cando o seu labor sería máis necesario. Nin un só programa novo, nin unha soa iniciativa, e un lamentable 16% de execución a estas alturas de ano, dato que lle foi negado á oposición en varias ocasións, pero que agora se emprega para xustificar unha vinganza interna.

En setembro desapareceu tamén a Concellería de Cultura, constantemente esquecida  e ninguneada neste goberno. Outras áreas como Servizos Sociais, Mercados e Turismo amosan tamén unha constante parálise.

Agora se entende que Inés Rey non teña interese en negociar uns Orzamentos para 2021 nin unhas novas ordenanzas fiscais adaptadas para combater as consecuencias da pandemia. O seu goberno está paralizado en loitas de palacio. E tememos que esta crise non será a última que vexamos. A Coruña non pode ser prisioneira das liortas internas da Agrupación Socialista.

A xente da Coruña non merece isto.

O goberno de Inés Rey agudiza a súa crise permanente co cese de Eva Martínez Acón