Saltar ao contido

É unha mágoa que o PSOE cale ante a falta de compromiso da Moncloa, incumprindo un acordo plenario, e que tanto PP como BNG prefiran apostar polo seu propio protagonismo en Madrid antes que polos intereses da Coruña

María García: “Cando se trata de defender a nosa cidade ante o Goberno do Estado, hai que deixar de lado as lexítimas diferenzas partidarias”


O grupo municipal da Marea Atlántica considera un grave erro que a Corporación Municipal non sume as súas forzas nun Pleno Extraordinario para reclamar, con voz unánime, as demandas da Coruña para os Orzamentos Xerais do Estado. “Cando se trata de defender á nosa cidade diante do Goberno do Estado, hai que deixar de lado as lexítimas diferenzas partidarias. Defendiámolo no goberno e defendémolo agora na oposición. Non cambiamos de criterio. A nosa man segue tendida”, explica a nosa voceira, María García. 

García argumenta que “non elevar agora unha reclamación conxunta é un erro, e logo viran os lamentos cando se confirme que a débeda portuaria non se condona, que non hai dotación para a pasarela de Pedralonga ou que a humanización de Alfonso Molina segue nun caixón”.

Unha foto en Madrid non vale máis que os intereses da Coruña 

Por iso, consideramos que o PP e o BNG se equivocan ao priorizar o seu protagonismo en Madrid antes que os intereses xerais da Coruña. Unha foto no Congreso non xustifica perder a oportunidade de emendar os Orzamentos do Estado para que inclúan os proxectos que precisa a área metropolitana máis dinámica de Galicia. 

Peor é o caso do PSOE, que se comporta como unha sucursal da Moncloa en lugar de gobernar na Coruña. O chamamento á unidade debería partir da alcaldesa, porque é o seu deber, porque prometeu facelo no Pleno e porque ten que cumprir a moción da Marea Atlántica aprobada o 1 de outubro pola maioría da Corporación. 

Ducias de proxectos esquecidos desde hai décadas

Como xa valoramos, as contas presentadas polo Goberno do Estado esquecen boa parte dos compromisos pendentes desde hai anos ou décadas: non hai mellora do ferrocarril de proximidade nin conexión con Punta Langosteira —algo que si ten o porto de Castellón—; non hai condonación da débeda do Porto —que si se fai en Valencia—; non hai investimento na Avenida de Alfonso Molina, nin unha partida para a pasarela de Pedralonga… Unha demostración de que ese teléfono vermello con Madrid que prometera Inés Rey está avariado. 

Nestes momentos de crise económica, o reforzo de infraestruturas esenciais é dobremente importante, pero o Estado volve ignorar a área metropolitana máis dinámica de Galicia. Como advirte a nosa voceira, “o desleixo da Moncloa hipoteca A Coruña e o seu futuro desenvolvemento”.

 

É un erro non elevar unha voz unánime desde o Concello para reclamarlle ao Estado os investimentos que merece A Coruña