Só o Corpo de Bombeiros e a Policía Local fixeron público o balance do seu traballo durante o ano da pandemia
As memorias de xestión son unha ferramenta necesaria para avaliar os resultados das políticas municipais, algo especialmente importante no ano da pandemia
A Marea Atlántica insta ao goberno local a publicar canto antes as Memorias de Xestión do Concello da Coruña correspondentes ao ano 2020, que seguen sen coñecerse pasado o 15 de agosto de 2021. Estes documentos son, segundo se di no apartado de Transparencia da web municipal, “un instrumento central da rendición de contas dos concellos ante a cidadanía” e “forman parte das obrigas vinculdas á transparencia na xestión pública”. De feito, a súa publicación está regulada na Lei de Facendas Locais do Estado.
A data de hoxe, só a Policía Local e o Corpo Municipal de Bombeiros fixeron públicas as súas Memorias de Xestión de 2020. Nin a Alcaldía nin ningunha das concellerías fixeron o propio, polo que instamos ao executivo local a resolvelo canto antes.
As Memorias de Xestión inclúen datos coma os resultados dos servizos municipais prestados, o seu custo, o número de persoas aos que chegan e o cumprimento dos obxectivos. Son unha ferramenta fundamental para coñecer o impacto e os resultados das políticas do Concello, para analizalas e buscar xeitos de facelas máis eficientes. Unha reflexión que en 2020, o ano da pandemia e no que se puxeron en marcha diversas iniciativas novas, resulta moi importante facer.
Na mesma liña, temos que volver lembrar os pasos atrás en Transparencia que está a dar este goberno, con dificultades no acceso á documentación, coa a desactivación da web Onde van os meus impostos e sen publicar as sentenzas xudiciais que afectan ao concello desde a primavera de 2019. Por iso faise necesaria a creación dun Plan de Transparencia para o que queda de mandato, e a recuperación das medidas postas en marcha polo goberno da Marea Atlántica.