O Concello pretende poñer 15 millóns e a Xunta 5 por uns terreos que xa son públicos. Non cobren nin o 7% do préstamo que Puertos del Estado pretende cobrar ata o último céntimo, mentres condona a débeda de Valencia
María García: “Non aceptaremos ningunha solución que non libere a cidade das cargas do porto exterior, tanto se pretenden pagalas con recursos económicos como se as pagan en aproveitamentos urbanísticos”
A voceira da Marea Atlántica, María García, lamenta que os gobernos local e autonómico teimen en pagar polos peiraos interiores sen dar solución ao problema da débeda, segundo as declaracións públicas tras a súa xuntanza de onte. “Pretenden enterrar 20 millóns, 15 do Concello e uns 5 da Xunta e o Porto para mercar uns terreos que xa son públicos, e que logo haberá que urbanizar. Uns cartos que só cobren o 6,6% do préstamo abusivo que Puertos del Estado pretende cobrar íntegro na Coruña mentres condona unha débeda dúas veces superior en Valencia”.
María García salientou que a Marea Atlántica “non aprobará ningunha solución que non libere a cidade das cargas do porto exterior, tanto en fondos coma en desenvolvementos urbanísticos. Temos que rachar coa hipoteca trampa na que nos meteron os convenios de 2004, asinados por Francisco Vázquez, Feijóo e Álvarez Cascos”. Non se pode aceptar que a cidade da Coruña teña que asumir o custo das obras do porto exterior, sendo esta unha infraestrutura de interese xeral do Estado.
Lembramos, tamén, que este derroche de millóns non é necesario para abrir os peiraos á cidade. Pode facerse aínda que sexan propiedade da Autoridade Portuaria. Estamos a velo no peirao de Transatlánticos, e a Mariña nunca deixou de ser terreo propiedade do porto. É cuestión de vontade.
De novo, reclamamos para A Coruña o mesmo trato que en Valencia, con fondos nos orzamentos do Estado para asumir a débeda da Autoridade Portuaria. Ben de xeito directo, ben a través dun consorcio público no que deberían participar todas as administracións con competencias. Falamos de 200 millóns de euros a cambio de rescatar a fachada marítima, moito menos do que se pretende destinar aos aeroportos de Barajas e El Prat.
O silencio sobre San Diego
Unha vez máis, a gran ausente nas conversas entre as administracións é a zona de San Diego. As ofertas de compra céntranse en Calvo Sotelo e Batería, no centro da cidade. Pero queda unha superficie catro veces maior nos peiraos de San Diego e Petroleiro. “E aí descoñecemos os plans do goberno local, que terán que plasmarse en breve nun novo convenio. Van pagar tamén? Canto? Van hipotecar a varias xeracións para pagalo? Ou seguen pensando en vender terreos? O único certo é que non hai futuro sen unha solución integral”