Saltar ao contido

Inés Rey debe acatar a sentenza e renunciar a recorrela como sinal de boa vontade e garantía de que os dereitos fundamentais da oposición serán respectados

María García: “O acontecido en febreiro, cando se nos impediu presentar emendas, foi gravísimo e así o confirma o fallo xudicial. Require unha reflexión profunda e un propósito de emenda por parte do goberno”

Pasado o ecuador do mandato, está claro que a fuxida cara a diante da alcaldesa non levaba a ningures; pola contra, o diálogo coa Marea Atlántica está a dar froitos coma o desbloqueo da Área Metropolitana

 

A voceira da Marea Atlántica, María García, ofreceu hoxe unha rolda de prensa para valorar a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 4 da Coruña, que estima a demanda do noso grupo e condena á alcaldesa por vulnerar o dereito fundamental á participación política. García pediulle a Inés Rey “unha reflexión profunda e un propósito de emenda, e a mellor maneira de facelo é dar a cara, acatar a sentenza e anunciar que o Concello da Coruña non a recorrerá”. 

A nosa portavoz salientou que “o acontecido en febreiro non debe repetirse, foi gravísimo, e así o recoñece o fallo xudicial con toda a claridade e contundencia”. Agora, Inés Rey está empatada con Carlos Negreira en condenas por vulnerar dereitos fundamentais da oposición, “unha tesitura na que nunca atoparon nin a Xulio Ferreiro nin á Marea Atlántica”. 

“A alcaldesa cometeu un erro enorme con esta actitude autoritaria e antidemocrática, seguramente mal asesorada e presionada pola parálise do seu goberno, que entrou en 2021 sen orzamentos nin un proxecto para afrontar a crise da COVID19 con vontade transformadora”, argumenta María García. Agora, pasado o ecuador do mandato, queda claro que esa fuxida cara adiante de Inés Rey non conducía a ningures: “Vemos un goberno esgotado, sen ideas e sen impulso político”. 

Para saír desa parálise, a man da Marea Atlántica está tendida. Desde o verán de 2020, o goberno falaba moito de diálogo, pero non o practicaba, e os resultados están á vista: unha condena xudicial e unha cidade sen orzamentos. Pola contra, cando o diálogo é real, coma nas últimas semanas, A Coruña sae gañando: desbloqueamos os Orzamentos Participativos, reactivamos o proceso da Área Metropolitana e proxectamos unha nova taxa para as empresas de telefonía móbil. Ese é o camiño. A alcaldesa ten que escoller.

Di a xuíza: “A alcaldesa excedeuse non control das emendas”

Os feitos xulgados aconteceron no Pleno de febreiro de 2021, cando a alcaldesa vetou ilegalmente as emendas presentadas pola Marea Atlántica para sumar 340.000 euros aos convenios coas entidades sociais da Coruña, a cambio de recortar en propaganda. En marzo presentamos un recurso contencioso-administrativo por vulneración de dereitos fundamentais, e o fallo coñecido na tarde de onte deunos a razón. 

A sentenza é clara e contundente á hora de reprobar a actitude da alcaldesa. Literalmente, a xuíza do Contencioso di que “o dereito á emenda non é un mero dereito regulamentario, senón un auténtico contido central do dereito de participación recollido no artigo 23.2 da Constitución”. Di que “este dereito serve á natureza democrática do procedemento lexislativo e ao valor do pluralismo político que debe presidir o seu desenvolvemento” aló onde nos reunimos representantes políticas. Serve para que as maiorías non afoguen a voz das minorías, e para que a veciñanza coñeza as posturas dos distintos grupos.

O fallo do tribunal sinala tamén, con toda a claridade, que “a alcaldesa se excedeu no control das emendas, pois non se limitou ao control da legalidade en canto ao seu enfoque en tempo, forma e relación coa orde do día, senón que as inadmitiu por unha cuestión de oportunidade, o que lle vén vedado” polos regulamentos do Concello. Mesmo a reprende por “impedir” que se pronunciase o secretario xeral do Pleno.

O fallo xudicial non afecta á aprobación dos convenios

A sentenza do Contencioso condena ao Concello a pagar as custas do proceso xudicial e deixa claro para o futuro que non se poden inadmitir emendas da oposición de xeito caprichoso. Pero non tumba os convenios aprobados daquela, nin afecta aos que se ampliaron despois en xullo, entre outras cousas porque a Marea Atlántica non o reclamou ante a xuíza. A nosa voceira quixo deixar isto claro e sinalou que “non é certo, como di o goberno local, que aprobar as nosas emendas en febreiro suporía un atraso na aprobación dos convenios. O atraso foi bloquealas, facendo que as entidades tivesen que agardar máis de catro meses”. 

“A nosa prioridade neste caso era protexer dereitos fundamentais e frear actitudes antidemocráticas, non poñer en problemas ao tecido asociativo da Coruña”, resumiu María García. Moitos deses convenios, por certo, seguen aínda sen facerse efectivos, outro erro que debe corrixirse de inmediato para darlle osíxeno ás entidades sociais, culturais e deportivas da cidade nestes momentos de crise. 

A xustiza sentenza que Inés Rey vulnerou o dereito fundamental de oposición da Marea Atlántica