Iago Martínez: “Contra o que di a propaganda, se Transparencia Internacional repetise hoxe a súa auditoría de 2017, o Concello da Coruña baixaría 12,5 puntos”
Seguen pendentes os informes de contratación pública e publicidade institucional, unha obriga acordada por unanimidade en outubro de 2019
O vicevoceiro da Marea Atlántica e presidente da Comisión de Transparencia, Iago Martínez, instou hoxe a Inés Rey, como máxima responsable na materia, a aprobar un novo Plan de Transparencia en lugar de seguir funcionando coa instrución de 2016, e a consensualo previamente con todos os grupos neste organismo. Pediulle, tamén que reconduza os pasos atrás e reactive as medidas postas en marcha no pasado mandato neste ámbito.
Martínez entregou hoxe na Comisión de Transparencia un informe sobre a denominada “Auditoría informativa sobre Índice de Transparencia Ayuntamientos”, que o goberno filtrou interesadamente a semana pasada, facéndolle un fraco favor a quen asina esa auditoría. Revisando a análise con coñecemento da web municipal e os antecendetes, “os 86,25 puntos que lle concede ao Concello da Coruña deben rebaixarse a 70,6 puntos, o que significa que no improbable caso de que Transparencia Internacional repetise hoxe a súa auditoría de 2017 nos mesmos termos, o Concello baixaría 12,5 puntos”.
O informe presentado polo goberno é un documento encargado por el mesmo, a través dun contrato menor de 17.545 euros sen concorrencia competitiva, non dunha auditoría independente. E no que, pese ao uso propagandístico que se lle quixo dar, tamén se recoñecen eivas importantes. O balance global do goberno de Inés Rey en materia de transparencia é negativo, aínda que se poidan detectar pequenas melloras nalgunhas áreas puntuais a consecuencia da renovación da web municipal deseñada no mandato anterior, e pola que hai que felicitar ás traballadoras e aos traballadores do Concello.
Evidentes pasos atrás en transparencia
Déronse pasos atrás moi evidentes, en materias como a desactivación da web Onde van os meus impostos, que segue conxelada dende o cambio de goberno, cos datos do último orzamento da Marea Atlántica. Xa non está plenamente operativa tampouco a axenda da alcaldesa, nin se publican as sentenzas xudiciais que afectan ao Concello, sen tocar desde a primavera de 2019.
Moi grave é, tamén, que a sección de contratos formalizados na web municipal estea desactualizada desde outubro de 2019, que non se publiquen as asignacións económicas aos grupos municipais (aos que se lles pechou o acceso ao portal), nin a relación de convenios urbanísticos, entre outras cuestións.
Nada se sabe, de igual xeito, do proxecto de RED.ES, financiado con fondos FEDER obtidos no pasado mandato, para o desenvolvemento dunha plataforma de goberno aberto impulsada por varios gobernos locais e na que precisamente o Concello da Coruña debía liderar o apartado de transparencia.
Informes aínda pendentes
Lembramos, ademais, que os indicadores de Transparencia Internacional non esgotan as posibilidades e obrigas dun concello, nin deberían eximir do cumprimento dos acordos asumidos na Comisión. Neste sentido, lembramos que Inés Rey débelle á Corporación Municipal un informe anual sobre transparencia, correspondente a 2020, tres informes semestrais sobre publicidade institucional e catro informes trimestrais sobre contratación pública, tal e como se acordou en outubro de 2019.
Cómpre insistir, finalmente, en que Inés Rey non aprobou neste mandato ningunha instrución ou plan de transparencia, e segue funcionado coa de 2016, o que dá a medida do seu escaso interese na materia. “Por todas estas cuestións, instamos á alcaldesa, como máxima responsable na materia, a reconducir a situación, comezando por aprobar un novo plan de Transparencia, que debería consensuarse nesta Comisión entre todos os grupos”, afirma Iago Martínez.
Seguen a faltar datos do Presco e a liquidación de 2020
Doutra banda, o concelleiro de Facenda, José Manuel Lage, presentou hoxe un escasísimo informe sobre o plan de choque contra a pandemia de 2020, o chamado Presco. Indica os fondos que chegaron a investirse, pero non os que quedaron sen executar, polo que resulta inútil para avaliar o resultado das distintas políticas.
O documento non inclúe cantas axudas seguen sen pagar, a pesar de ter recoñecido que son unas 600 nun programa de radio en directo en resposta á Marea Atlántica. E no eixe social, chegan a eliminarse por completo a bolsa de alugueiro social e o reforzo das Axudas de Emerxencia e a Renda Social, por ser medidas que non se executaron. É un claro exemplo na falta de transparencia deste goberno.
Reclamámoslles, unha vez máis, que dean e coñecer os resultados de execución do Presco, o número de axudas sen pagar e a avaliación cualitativa das medidas que se puxeron en marcha, pois sen información é imposible mellorar.
Tamén é necesario coñecer a liquidación municipal de 2020, especialmente tres datos clave: o aforro neto, o remanente axustado e se o ano rematou con superávit ou déficit. Sen eses datos é imposible deseñar un novo plan de choque para 2021, e xa estamos case en abril.