Saltar ao contido

Xan Xove: “Cada novo dato e cada novo indicador que coñecemos deixan claro que na Coruña é imposible alugar. Inés Rey ten que saír do negacionismo fronte ao problema da vivenda” 

Desde decembro de 2021, cando asinamos o acordo de vivenda que a alcaldesa incumpriu case por completo, A Coruña pasou a ser a cidade de Galicia máis cara para vivir de alugueiro e os pisos turísticos aumentaron un 30%

 

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, e a voceira municipal da organización, María García, presentaron hoxe en rolda de prensa un paquete de medidas urxente fronte a alza do prezo do aluguer na cidade, que busca dar resposta ás cada vez maiores dificultades para acceder a unha vivenda, e que trasladaremos ao vindeiro Pleno. “Cada novo dato e cada novo indicador que coñecemos amosan que na Coruña é imposible alugar, pero Inés Rey e o seu goberno non fan disto unha prioridade. Teñen que saír do seu negacionismo sobre o problema da vivenda”, afirmou Xan Xove.

Nesta comparecencia, lembraron que en decembro de 2021, a Marea Atlántica asinou un pacto co goberno local centrado no dereito á vivenda. Permitiu que os Orzamentos de 2022 contasen con 9 millóns de euros destinados a políticas de vivenda, pero o goberno local non tivo interese en executalas. No tempo transcorrido desde entón, A Coruña converteuse na cidade galega máis cara para vivir de alugueiro: o prezo medio dun piso pasou de 542€ a 575,9 euros, segundo o Observatorio da Vivenda de Galicia.

En decembro de 2021 había uns 550 pisos turísticos na Coruña, e xa se incrementaran moito desde a pandemia. Hoxe, son 713, segundo o rexistro da Xunta, un 30% máis. En comparación, e segundo informou Fegein, só se atopan 490 vivendas dispoñibles para alugar na cidade. “Na Coruña teno moito máis doado quen ven pasar unha fin de semana que quen quere armar un proxecto de vida”, sinalou Xan Xove. 

Rematarán os edificios rehabilitados coma vivendas turísticas?

A última vez que se falou de vivenda no Pleno da Coruña foi en decembro, por mor dunha moción da Marea Atlántica. “Daquela aínda quedaba unha esperanza pequena de que a alcaldesa cumprise algún dos compromisos adquiridos coa Marea Atlántica. Pero non o fixo. Tiña 9 millóns de euros dispoñibles no Orzamento 2022 e permitiu que a maioría deses fondos desaparecesen cando empezamos este novo ano sen novos orzamentos”, explicou María García. 

Xan Xove engadiu que “nestes dous meses, só lle vimos facer unha cousa ao goberno local, o anunciado plan para forzar a venda de edificios en ruínas. Toda medida que contribúa a que os inmobles abandonados volvan cumprir a súa función social é positiva, pero o goberno de Inés Rey, como é habitual, escolleu a opción máis conservadora. Pode a alcaldesa garantir que estes edificios rehabilitados non se van converter en pisos turísticos? Non, non pode”.

O concurso público para a compra de vivendas, edificios e soares non se convocou. O Plan Municipal de Vivenda morreu antes de nacer, non se puxo en marcha o Consello Municipal de Vivenda para darlle voz ás entidades sociais. A bolsa de alugueiro de EMVSA non se ampliou alén da emerxencia social. O parque de vivenda en mans do Concello segue conxelado desde o comezo do mandato. O proxecto de vivenda pública en Pontejos avanza con lentitude, e do de Xuxán non se sabe nada. Só que o goberno local anda agora a pedirlle recursos á Xunta despois de deixar que caducaran os que tiña no orzamento.

Medidas urxentes fronte a alza do aluguer de vivenda

Desde o Concello:

  • Suspensión cautelar polo prazo dun ano nas autorizacións a vivendas de uso turístico na Coruña, algo que xa podía estar en vigor, se a alcaldesa non tivese bloqueado a nosa proposta no último pleno. 
  • Comezar a traballar de inmediato nun cambio no PXOM para regular as vivendas turísticas. Debe garantirse que sexan compatible co dereito constitucional a unha vivenda digna. 
  • Licitar, canto antes e sen escusas, a construción das 50 vivendas municipais previstas en Xuxán, para poñelas a disposición da veciñanza en aluguer social. 
  • Mellora da bolsa de vivenda de EMVSA, tanto incrementando a súa dotación orzamentaria como para ampliar o espectro de persoas beneficiarias. Debe chegar á mocidade que ten serias dificultades para atopar un fogar propio. E debe contar cunha suba substancial de fondos, para responder á demanda real da veciñanza.
  • Tomar as medidas necesarias, incluindo cambiar a ordenanza de rehabilitación, para que a poxa forzosa de edificios en ruínas se aplique en todo o termo municipal, non só en zona PEPRI, e sirva para ampliar o parque municipal de vivenda e aumentar a oferta de alugueres asequibles para un salario medio. 
  • Reforzar o financiamento das entidades que traballan na Coruña polo dereito á vivenda.
  • Impulsar un Observatorio Municipal de Vivenda. Temos que mellorar a información dispoñible, desde o público, para que sexa máis doado poñer remedio á crise de acceso á vivenda. 

Desde a Xunta:

  • Aumentar os recursos para a promoción e construción de vivenda pública en aluguer, xa que a oferta está a anos luz da demanda que amosa o propio rexistro do goberno galego. 
  • Modernizar a normativa autonómica para darlle cabida a modelos coma as cooperativas en cesión de uso e, fundamental, 
  • Incorporar os dereitos de tanteo e retracto na compravenda de vivendas. Deste xeito, as administracións públicas terían dereito preferente á hora de adquirir inmobles a un prezo taxado, unha vía que en Barcelona se está a empregar para aumentar o parque público a custos baixos. 

Desde o Goberno do Estado. 

  • Desbloquear canto antes a Lei de Vivenda, coas melloras reclamadas pola alianza social que lideran a Plataforma de Afectadas pola Hipoteca e os sindicatos de inquilinas. 
  • Poñer a disposición do público as vivendas en mans da SAREB.
  • Aplicar as observación do Relator Especial da ONU, dirixidas a aumentar a eficacia dos mecanismos de regulación dos alugueres e a facer da ampliación da oferta de vivenda pública en aluguer social un obxectivo claro. E tamén dotar ás administracións locais de maior capacidade de actuación no eido da vivenda.

 

Medidas urxentes fronte á alza do prezo dos alugueres