Saltar ao contido

Agradecemos o traballo dos porteiros dun pub dos Cantóns ante un presunto caso de abuso esta madrugada e reclamamos unha guía de actuación clara para que o seu comportamento poida ser imitado e non dependa do compromiso persoal 

O protocolo para casos de agresións machistas e de LGTBIfobia que implantou o Concello de Barcelona foi decisivo no caso de Dani Alves, pero non existe nada similar en Galicia

O grupo municipal da Marea Atlántica insta o goberno local a poñer en marcha un protocolo antiacoso estable para abordar as violencias machistas, os casos de abusos sexuais e as agresións LGTBIfóbicas en locais de ocio nocturno, análogo ao que aplica o Concello de Barcelona, denominado “No Callamos”, e que resultou decisivo no caso de Dani Alves para apoiar á vítima e identificar o agresor. Porén, non existe en Galicia ningunha iniciativa similar. 

A pasada madrugada produciuse un presunto intento de agresión sexual nun local dos Cantóns, que foi frustrado grazas ao bo facer dos encargados de seguridade, que asistiron a muller agredida e retiveron o seu atacante até a chegada da policía. Porén, sería de grande axuda contar cun protocolo claro de actuación, para que o xeito de afrontar casos coma este non dependa da boa vontade do persoal dun local concreto, senón que estea claro e sexa recoñecido por todas as partes. 

Por iso, instamos o goberno local a ir alén de accións puntuais en eventos e estudar o protocolo “No Callamos” do Concello de Barcelona para adaptalo á cidade da Coruña cunha fórmula similar. Baséase na sinatura de convenios de colaboración cos locais e asociacións de ocio nocturno, o que permite formar ao persoal de sala e de seguridade sobre como recoñecer o acoso e os abusos sexuais, e como actuar ante eles. Deste xeito, contribúese a garantir un acceso en igualdade aos espazos públicos, e a desterrar as violencias machistas destes ámbitos.

Necesidade de reforzar as políticas municipais de Igualdade

Así, mentres no pasado mandato puxéronse en marcha iniciativas nesta liña, coma a creación dos puntos violeta nas festas e eventos municipais, baixo o goberno de Inés Rey percibiuse un retroceso en canto ao compromiso do Concello da Coruña coa igualdade de xénero e a loita contra a discriminación das mulleres, como temos denunciado xa no Pleno. Non se están a cumprir acordos asinados coa Marea Atlántica como reforzar os recursos dispoñibles para atender ás vítimas de violencias machistas, ou introducir criterios de igualdade nos contratos e subvencións municipais tal e como recolle a Ordenanza municipal de Igualdade. 

Unha ordenanza que, por certo, non se está a cumprir. A Inspección de Traballo chegou a abrirlle un expediente ao Concello por non ter un Plan de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Nin se sabe nada da creación da Casa da Muller ‘Elisa e Marcela’ para centralizar os servizos de Igualdade. Por todo isto, instamos ao equipo de Inés Rey a reforzar este compromiso fundamental.

Instamos o goberno local a poñer en marcha un protocolo antiacoso estable nos locais de ocio nocturno