Saltar ao contido

As queixas por non atopar bicis nas horas de entrada e saída dos centros escolares e de traballo son numerosas, e o goberno local debe escoitar e poñerlles solución

Xan Xove: “Estes problemas dificultan o uso de Bicicoruña coma alternativa ao coche privado xusto onde sería máis necesario, nos barrios máis poboados e afastados do centro

O grupo municipal da Marea realizará no Pleno do mes de febreiro, que se celebra este xoves día 2, un rogo para que se reforce do servizo de Bicicoruña especialmente no horario de entrada e saída dos centros de traballo e de ensino, nos que resulta verdadeiramente complicado atopar bicicletas dispoñibles nas estacións dos barrios. É necesario aumentar o persoal e garantir a reposición das bicis nas horas punta. 

Tras recollorer numerosas queixas veciñais, e manter onte unha xuntanza co colectivo pola mobilidade sostible Mobi-liza, constatamos que existen verdadeiros problemas para atopar bicis de préstamo público xusto cando son máis necesarias para os traxectos da rutina diaria están a ser numerosas. “E, innegablemente, o problema dificulta o uso de Bicicoruña coma alternativa ao coche privado xusto onde sería máis necesario, nos barrios”, argumenta Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña. 

No centro ocorre xusto ao contrario, é habitual que non haxa sitio nas estacións para deixar a bicicleta, obrigando as persoas a desprazarse lonxe do seu punto de destino. A app móbil debería informar de se hai ou non espazo, pero os datos que ofrece non son fiables e fallan en demasiadas ocasións, supoñendo mesmo que quen colleu unha bici eléctrica supere os 20 minutos de uso e teña que pagar un recargo.

Faise necesario, do mesmo xeito, instalar estacións de Bicicoruña nos polígonos industriais e nos centros hospitalarios, lugares con moita afluencia de persoas aos que non se pode chegar con este servizo. Finalmente, e tras varios meses co novo sistema, faise cada vez máis evidente a necesidade de revisar os horarios e ampliar o tempo de uso das bicis, para facilitar os transbordos e traxectos longos, e para dar servizo ás persoas que entran a traballar antes das oito da mañá, como xa denunciamos no seu día.

O incremento no uso de Bicicoruña é unha nova excelente. Superou as 3.000 persoas rexistradas logo da renovación do servizo cos fondos europeos obtidos polo goberno de Xulio Ferreiro. Pero é necesario adaptar o préstamo público de bicicletas ao incremento da demanda, atendendo sobre todo aos barrios máis poboados e máis necesitados de alternativas de transporte público, coma a Agra do Orzán ou Novo Mesoiro, entre outros. 

Reclamamos no Pleno un reforzo do servizo de Bicicoruña, ante a falta de bicicletas nas estacións de barrio