Saltar ao contido

Alberto Lema: “Non ten sentido restrinxir un proceso coma este a persoal funcionario, e moito menos dar tan só un prazo de oito días. Son decisións que só dificultan a presentación de candidaturas e a pluralidade”

A Marea Atlántica denuncia o improvisado e apresurado da convocatoria para cubrir a xerencia do Consorcio de Turismo, tras o inxusto cese de Lanzada Calatayud hai dúas semanas, xusto no comezo da tempada alta. Como sinala o concelleiro Alberto Lema, integrante do Consorcio, “non ten sentido restrinxir o proceso a persoal funcionario, e moito menos dar un prazo de tan só oito días para presentar documentación, en pleno mes de xullo. Son decisións que só dificultan a presentación de candidaturas”. 

Como sinalou Lema, “esta convocatoria deixa fóra a persoas con experiencia en xerencia, márquetin ou comunicación, fundamentais no sector turístico”. Falta tamén unha táboa que permita un baremo obxectivo dos méritos das persoas candidatas. Entre isto e o apresurado dos tempos, só podemos amosar o noso desacordo co proceso. 

En 2016, o goberno da Marea Atlántica tivo a responsabilidade de renovar a xerencia do Consorcio de Turismo, e fíxoo cun concurso público no que se presentaron 35 candidaturas, valoradas por méritos e cun xurado tribunal no que non había presenza de cargos políticos e si do sector turístico. Este grao de pluralidade e independencia non vai ser posible coas bases que propón agora o executivo de Inés Rey. 

Lembramos, unha vez máis, o erro que foi destituir a Lanzada Calatayud sen previo aviso e sen ter a súa substitución preparada. Ao longo de cinco desenvolveu o seu labor con profesionalidade e eficacia, aprobando o  Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020, o último que tivo a cidade ata hoxe, e que apostaba por un turismo sustentable e de calidade. Foi decisiva, tamén na incorporación do Camiño Inglés entre A Coruña e Santiago de Compostela ao catálogo das Rutas Xacobeas.

 

Denunciamos a improvisación na convocatoria para cubrir a xerencia do Consorcio de Turismo