Saltar ao contido

 O futuro dos peiraos formará parte das conversas entre a Marea e o PSOE e está pendente dunha xuntanza específica sobre asuntos urbanísticos

María García lembra que “un asunto tan decisivo para A Coruña non se pode tratar de xeito unilateral” e pide que non se mire só para o centro da cidade

A voceira da Marea Atlántica, María García, recórdalle ao PSOE que o problema portuario da Coruña precisa dunha solución integral, incluíndo a condonación da débeda e a ordenación do conxunto dos peiraos, tamén os de San Diego. “Non podemos preocuparnos só polo centro da cidade mentres se mantén a ameaza de especulación sobre a maior parte dos terreos portuarios a liberar, e non parece ter moito sentido pagar polo que xa é público”, sinala a nosa portavoz.

Tras facerse pública hoxe unha parte da proposta do goberno municipal para mercar terreos en San Diego e Batería, lembramos que o futuro dos peiraos formará parte do marco negociacións entre a Marea Atlántica e o PSOE, tal e como adiantamos o luns. Está pendente de tratarse nunha xuntanza específica sobre o modelo urbanístico, que se axendará proximamente e coa documentación correspondente sobre a mesa, para tratar de achegar posturas: “Nun asunto decisivo para o futuro da Coruña a unilateralidade non é boa liña de actuación”, resume García. 

María García, tamén presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral, sinalou que “investir 15 millóns de euros, unha cantidade moi importante para o Concello da Coruña, en mercar unha ínfima parte dos peiraos a integrar na cidade, terreos que xa son públicos, e sen que sirvan para mover nin unha soa pedra, non ten sentido como actuación illada. A Autoridade Portuaria seguirá a desangrarse cunha débeda inxusta da que xa pagou máis de 40 millóns só de intereses, sen amortizar nada”.

A incógnita de San Diego

Unha vez máis, os 370.000 metros cadrados dos peiraos de San Diego e Petroleiro son os grandes esquecidos nas propostas para o futuro do porto. Non só porque son a meirande parte do terreo que se vai integrar na cidade, senón porque concentran os usos produtivos do porto, relacionados coa pesca e a economía do mar, unha fonte de emprego e riqueza que non pode desprotexerse.  A súa ordenación urbanística decídese agora, nos acordos que se están a negociar entre administracións nestes momentos. E non ter modelo para San Diego supón manter o que decidiron Francisco Vázquez, Feijóo e Álvarez Cascos en 2004 e vixente nestes momentos no plan xeral de urbanismo. 

De feito, e como xa temos sinalado, a proposta da Universidade da Coruña avalada polo goberno local, mantén a elevada edificabilidade prevista en 2004 para San Diego, e non blinda que os terreos continúen en mans públicas. Tampouco lle dedica a necesaria atención  a garantir a actividade económica en San Diego, con eivas arredor de cuestións vitais como a almacenaxe e o tratamento de mercadorías.

A solución ao problema portuario debe ser integral e incluír a débeda e San Diego