Saltar ao contido
Reunión comisión de facenda no concello da Coruña

Iago Martínez: “O PSOE está dividido entre contentar aos promotores inmobiliarios e dirimir asuntos de partido. Na cidade non pensan” 

A alcaldesa recoñece que a área de Emprego estaba desaparecida nun momento de gravísima crise


O vicevoceiro municipal da Marea Atlántica, Iago Martínez, denunciou hoxe que o goberno de Inés Rey “estea absolutamente descentrado, dedicándose por un lado a contentar aos promotores inmobiliarios e polo outro, como estamos a ver con tristeza, a axustar contas e dirimir asuntos do partido na casa do Concello”. Tras participar na Comisión de Facenda celebrada esta mañá, Martínez indicou que “onde debería ter a cabeza o goberno municipal é en combater o virus, que está a levar por diante moitas vidas e a economía de moitas familias nesta cidade”.

Proba deste goberno descentrado son os cambios nas Ordenanzas Fiscais que se presentaron na Comisión de Facenda, ao límite do prazo para que entren en vigor o 1 de xaneiro. “Trouxéronnos unha proposta feita de retoques atropelados e unilaterais, cun par de medidas moi efectistas e pouco efectivas. Por iso todos os grupos da oposición abstivémonos preventivamente”, sinalou o noso vicevoceiro. 

Nestes momentos, Inés Rey e o seu equipo deberían estar dedicadas a traballar nuns Orzamentos 2021 á medida da crise, negociando medidas fiscais que axuden a paliar as consecuencias da pandemia entre as persoas e os colectivos máis vulnerables. E defendendo os intereses da Coruña diante do goberno do Estado, ante os agravios duns Orzamentos Xerais que ignoran a toda a área metropolitana. 

No canto diso, céntrase nas guerras internas do PSOE. Como conclúe Iago Martínez: “preocúpanos a incapacidade do goberno municipal para estar á altura das circunstancias e das necesidades que ten a xente da Coruña nestes momentos”.

 

O cese en Emprego é unha concesión á guerra interna do PSOE

A proba é que área de Emprego leva, certamente, desaparecida desde o inicio do mandato, pero Inés Rey non tomou medidas contra Martínez Acón ata que se recrúa a liorta interna. Porén, Medio Ambiente, Benestar Social, Turismo, Mercados, ou Educación están a ter tamén graves problemas de xestión que, crise de goberno tras crise de goberno, seguen igual. 

O goberno de Inés Rey pérdese en liortas internas en lugar de defender os intereses da veciñanza