Saltar ao contido

A alcaldesa desbloquea o Consello Municipal da Cultura e o Bono Cultura, iniciativas pactadas coa Marea Atlántica en 2022, en resposta ao encontro da formación municipalista con profesionais e entidades celebrado este xoves na Normal

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía comprometeuse coa xente da cultura a recuperar a concellaría suprimida polo PSOE e darlle a volta a catro anos sen proxecto cultural para a cidade


A Marea Atlántica celebra o desbloqueo de dous dos acordos que asinou co goberno de Inés Rey o ano pasado: a constitución do Consello da Cultura, cuxo regulamento se aprobará definitivamente no pleno do vindeiro xoves, e o lanzamento dunha nova edición do Bono Cultura, que recibiu luz verde esta mañá na Xunta de Goberno Local. Non obstante, o candidato á Alcaldía da formación municipalista, Xan Xove, lamenta que isto aconteza no tempo de desconto do mandato e en reacción ao encontro que mantivo este xoves cunha trintena de entidades e profesionais da cultura na Normal: “Pensar que en dous meses se pode emendar o desleixo de catro anos é unha nova falta de respecto ao sector. Despois das eleccións, dende o goberno, devolverémoslle o protagonismo perdido. A Coruña volverá ter unha Concellaría de Cultura”.

A creación do Consello Municipal da Cultura foi, a iniciativa da Marea Atlántica, un dos acordos que permitiron aprobar os orzamentos do Concello da Coruña o ano pasado. Estaba chamado a ser unha ferramenta de participación para un sector golpeado pola pandemia e ignorado sistematicamente por este goberno municipal, máis preocupado polas fotos e os grandes eventos que polos traballadores e as traballadoras da cultura. Presentado en abril nun acto público, levaba dende entón, case dez meses, completamente paralizado. A alcaldesa sácao agora do caixón, a tres meses dos comicios, para levar a aprobación definitiva do seu regulamento ao pleno do xoves vindeiro. “As présas denotan nerviosismo e mala conciencia”, asegura Xan Xove.

Outro tanto acontece co Bono Cultura, unha medida de estímulo ao consumo cultural que a Marea Atlántica incorporou ao Presco e que ten continuidade grazas ao acordo orzamentario de 2022 coa formación municipalista. Debía terse posto en marcha ao longo do ano pasado, pero é agora, co novo ano iniciado, en febreiro, sen novos orzamentos e sen convenios para as entidades da cidade, cando Inés Rey se acorda da cultura. “É unha boa nova que por fin se poña en marcha esta medida e demostra que a oposición firme e construtiva da Marea Atlántica é beneficiosa para o sector cultural”, explica Xove, “pero a demora tamén evidencia que é necesario un cambio en maio”.

Xan Xove lamenta que o goberno local se acorde da cultura no tempo de desconto do mandato: “A partir de maio devolverémoslle o protagonismo ao sector”