A xuntanza, programada para o vindeiro mércores a partir da 19.00h no centro Cívico dos Mariñeiros, será de acceso libre até completar o aforamento
Xan Xove: “Logo de reunirnos cos colectivos dos barrios afectados e presentar alegacións á macrourbanización proxectada polo PSOE, organizamos este encontro para informar e escoitar aos veciños e ás veciñas”
Baixo o título “Temos que falar sobre Visma”, a Marea Atlántica organiza un encontro aberto á cidadanía sobre a macrourbanización que a alcaldesa Inés Rey impulsa en San Predro de Visma. Un proxecto máis propio do urbanismo caduco dos anos 90, o modelo que conduciu ao estoupido da burbulla e a crise de 2008, que como declarou a semana pasada o noso candidato á alcaldía, Xan Xove, cando presentamos as alegacións, “ten unha elevadísima densidade, non atende as necesidades da Coruña de hoxe e, ademais, entra en contradición coas leis do solo e o patrimonio de Galicia”.
O acto, no que o candidato á Alcaldía estará acompañado por outros membros do seu equipo e a portavoz municipal da Marea Atlántica, celebrarase o vindeiro mércores a partir das 19.00h no centro cívico dos Mariñeiros. Ademais de explicar polo miúdo as alegacións presentadas, o acto servirá para fomentar o debate e a reflexión e abordar cuestións como cantas vivendas están proxectadas en Visma, como influirá no prezo da vivenda ou no tráfico, que sucederá coas hortas urbanas e os restos arqueolóxicos ou se A Coruña realmente precisa deste tipo de proxectos.