A Marea Atlántica celebrou hoxe un acto de escoita cunha trintena de entidades, traballadores e traballadoras da cultura na cidade
A área de Cultura acumula un mandato perdido, con cambios de responsable en cada crise de goberno, e no que as principais iniciativas chegaron da man de pactos coa Marea Atlántica
A Marea Atlántica celebrou esta tarde, na Sala Normal da Universidade da Coruña, un encontro con profesionais e asociacións do sector cultural, ao que asistiron unhas trinta persoas e no que o noso candidato á alcaldía, Xan Xove, fixo unha promesa clara: “A partir de maio, coa Marea Atlántica no goberno, A Coruña volverá ter unha Concellería de Cultura e os profesionais do sector recuperarán o protagonismo perdido con Inés Rey”. Este acto enmárcase dentro dos procesos de escoita e recollida de ideas cos que a nosa organización está a elaborar o seu programa electoral participativo, e no que calquera persoa pode trasladar as súas propostas a través da nosa web.
Xove afirmou que “tras un mandato perdido, o sector cultural coruñés volverá ter a atención que merece pola calidade e relevancia do que nos achega, do que nos entretén, do que nos fai pensar e empatizar, e tamén polos milleiros de postos de traballo que representa na nosa cidade”.
Neste sentido, o noso candidato lembrou que Inés Rey tomou tres decisións relacionadas coa Cultura na primeira das crises que o seu goberno padeceu: “Primeira, eliminar a Concellería de Cultura. Segunda, asumir ela mesma a área cultural como máxima responsable. E terceira, ignorar case por completo todo o que non sexan grandes eventos e patrocinios”.
Deste xeito, a cultura leva catro anos menosprezada, cambiando de mans en cada unha das crises de goberno que viñeron despois. Nese tempo, as únicas iniciativas relacionadas co tecido local viñeron de mans de iniciativas da Marea Atlántica. “O sector cultural non merece este trato. A xente da cultura levou un duro golpe durante a pandemia, e a súa resposta foi volcarse e ofrecer contidos abertos e de balde para facernos máis doado o confinamento. A cultura é parte do que nos fai seres humanos, e as institucións deben tratala en consecuencia”, argumentou Xan Xove.
Acordos cumpridos e incumpridos en materia cultural
No marco das negociacións para os Orzamentos 2022, a Marea Atlántica incluíu medidas que incrementaron o fondos e as políticas da área de Cultura, que lamentablemente o goberno local executou con escasa dilixencia. É o caso das bolsas de creación artística, dotadas con 180.000 euros e destinadas a creadoras locais, que por fin veñen de ser convocadas este mes, mellorando e simplificando os trámites a convocatoria que se lanzara no seu día dentro do Presco, tamén por iniciativa do noso grupo.
Tamén está a piques de aprobarse definitivamente o regulamento do Consello Municipal de Cultura, un novo organismo que dará voz e voto a unha representación ampla do sector cultural nas políticas públicas, e que a Marea Atlántica introduciu na negociación orzamentaria. Irá ao Pleno do 2 de marzo e contará co noso voto favorable, aínda que teñamos que lamentar o tarde que chega. O goberno local demorou sete meses en estudar as alegacións.
Pola contra, o novo programa de residencias artísticas, cun orzamento de 150.000 euros, segue á espera de que se lance a súa convocatoria. Ten unhas bases xa redactadas e negociadas entre a Marea Atlántica e o PSOE, pensadas para acoller iniciativas de artes escénicas, música, danza, maxia, novo circo…en espazos municipais coma o Centro Ágora, o Teatro Rosalía, o auditorio do Fórum Metropolitano e a Sala Túnel do Coliseum. Pero leva gardado nun caixón desde xullo.
Na lista de incumprimentos está tamén a reforma da sede da Fundación Luís Seoane, para evitar que as filtracións de auga no edificio poñan en risco a conservación do legado dun dos máis grandes artistas galegos do século XX. As obras necesarias foron acordadas como parte dos Orzamentos 2020 e 2022, e prometidas en numerosas ocasións, pero ás portas de marzo de 2023 seguen sen facerse realidade. En xeral, e como amosa a recente dimisión de Xavier Seoane do padroado, a Fundación Luis Seoane está sumida na indiferenza e a falta de proxecto.
Sumando a isto a falta de diálogo co sector, o ninguneo a institucións coma o Instituto Cornide (que leva case 30 meses sen dirección), a escasa implicación do Concello en eventos como a Feira do Libro e os constantes cambios de responsables, queda claro que “o PSOE de Inés Rey non ten un modelo de cidade para A Coruña de hoxe, non ten a iniciativa necesaria para impulsar os cambios que precisa a veciñanza, pero teremos a oportunidade de mudar isto a partir do 28 de maio”, como resumiu Xan Xove.