Saltar ao contido

Levaremos ao vindeiro Pleno unha moción instando ao goberno local deixar a cita previa só como opción, para evitar que se convirta nunha barreira 

Xan Xove: “Asignar data e hora ten moitas vantaxes organizativas, pero tamén dificulta os trámites de urxencia, máis cando en moitos servizos hai listas de agarda de días e incluso semanas”

O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno do Concello da Coruña, o xoves 2 de marzo, unha moción na que insta  ao goberno local a eliminar a cita previa obrigatoria para todos os trámites ou xestións co Concello, facilitando o acceso da cidadanía á administración municipal.

O sistema de cita  previa estendeuse en xuño de 2020 por mor da pandemia da covid e para evitar aglomeracións nos espazos de atención ao público. Primeiro implantouse en todos os rexistros municipais e na Oficina Tributaria e, posteriormente trasladouse a Urbanismo, Benestar Social, Deportes e demais áreas do concello.

Segundo o candidato á alcaldía da Marea Atlántica, Xan Xove: “É certo que esta medida tivo todo o sentido no tempo da pandemia e mentres se mantiveron as restricións, agora xa non. A cita previa ten moitas vantaxes pero tamén xera dificultades cando hai que resolver trámites de urxencia ou sobrevidos” e continúa, “É intolerable que haxa servizos municipais nos que non se pode conseguir cita durante semanas, dificultando xestións esenciais, con frecuencia de persoas en risco de vulnerabilidade social que tratan de acceder a prestacións de último recurso”.

A opción da cita previa é útil e pode manterse, pero sen ser en ningún caso  obrigatoria. As veciñas e veciños que se acheguen presencialmente ás dependencias municipais sempre deben ter un cupo de citas dispoñibles para ser atentidas. Unha vez desaparecida a urxencia por razóns de saúde pública que impuxo a cita previa obrigatoria, mantela sen motivación pode xerar situacións de indefensión, ao tempo que dificulta o acceso aos dereitos. 

Axuda cos trámites, principal petición na Oficina dos Dereitos

A Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica atendeu o ano pasado a preto de 100 persoas e o seu responsable, o educador social Rodrigo Gil, sinalaba onte que, “un 23% das solicitudes que atendeu en 2022 pedían axuda para realizar xestións coa administración, tales como solicitar citas ou presentar escritos. E o segundo motivo máis númeroso de consulta foi o aceso a prestacións coma a Risga, o Ingreso Mínimo Vital ou a Renda Social Municipal, cun 20% dos casos”.

Nisto, a cita previa obrigatoria está a causar prexuízos nas relacións da cidadanía coa administración, converténdose moitas veces nunha barreira. É por isto a moción rexistrada, insta ao goberno local a eliminar a devandita obrigatoriedade e a mantela como unha opción, reservando diariamente un tempo de atención a un cupo suficiente de persoas sen cita previa.

Reclamamos no Pleno a eliminación da cita previa obrigatoria en todas as xestións da cidadanía co Concello