Saltar ao contido

O candidato da Marea Atlántica quere impulsar un plan estratéxico xunto con todos os axentes do ecosistema da lectura, aos que dotará dun foro permanente de participación

Xove visitou varias librarías e bibliotecas públicas da cidade e anima a participar nos actos do Día do Libro esta fin de semana

O cabeza de lista da Marea Atlántica e candidato á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, visitou esta semana varias librarías e bibliotecas municipais para dialogar e coñecer as necesidades e preocupacións dos profesionais. Comprometeuse a facer da Coruña “unha cidade do libro e a lectura durante os 365 días do ano, con actividades desestacionalizadas e descentralizadas”. “Rematan catro anos de mandato que foron catro anos perdidos para as políticas culturais do Concello, sen proxecto, cun constante baile de responsables, a supresión da concellaría e unha xestión completamente de costas ao sector. Teremos que mudalo a partir do 28 de maio, cando volva a Marea Atlántica ao goberno e cando recuperemos a Concellería de Cultura”, afirmou. 

Xove animou á veciñanza a participar nas actividades do Día do Libro, que se celebran esta semana en toda a cidade, así como a visitar as librarías e gozar do tradicional desconto, e salientou que “a lectura é a porta de entrada á cultura cívica, ao pensamento crítico e á imaxinación, unha ferramenta para a igualdade e a cohesión social e unha forma de lecer que as institucións deberían impulsar todo o ano, non só en datas sinaladas”. 

Por iso, propón crear no Concello un foro permanente para dialogar co ecosistema do libro e a lectura, no que teñan cabida “desde a autora máis consolidada a esa pequena compañía de teatro que lle abre ás portas aos primeiros lectores”. Un espazo de encontro entre lectoras, editoriais, profesionais da crítica, bibliotecarias, tradutores, ilustradoras, dinamizadoras, o sistema educativo, os clubs de lectura, librarías, distribuidoras, para poidan achegar propostas, actividades e ideas, cooperar entre si e sumar a un proxecto de cidade.

En paralelo, o candidato da Marea Atlántica porá en marcha un plan estratéxico do libro e a lectura, que permita presentar candidatura para que a Coruña sexa parte da Rede de Cidades de Literatura da Unesco, á que xa pertencen medio cento de urbes en todo o mundo. E púxose a disposición da Federación de Librarías de Galicia para reforzar e complementar a Feira do Libro que se celebra tradicionalmente en agosto.
“As letras teñen un papel esencial na Coruña, que sempre foi unha cidade ilustrada. Aquí imprimíronse os primeiros libros libros e publicacións en galego, na cidade das Irmandades da Fala, de Uxío Carré, dos tesouros que se gardan no Arquivo Histórico de Galicia ou na biblioteca do Circo de Artesáns, e de autoras e autores de recoñecemento internacional. A Coruña é unha cidade do libro”, resume Xove. A lectura é un ben cultural que produce unha sociedade máis cohesionada, crítica e informada, máis consciente dos seus dereitos e liberdades e con máis memoria histórica. Pero tamén é un ben económico, que xera emprego, tecido empresarial e toda unha cadea de valor en torno ao libro que debe coidarse e potenciarse. Polo tanto, a promoción da lectura e o apoio ao sector do libro deben ser eixes centrais do goberno. 

As bibliotecas municipais, unha peza esencial

Para desenvolver estes proxectos, as bibliotecas municipais son un elemento esencial, como portas de entrada á lectura, pero atópanse nun momento crítico, atrapadas nun modelo dual que está a deteriorar o servizo, no que parte da rede é de xestión pública e outra parte está en mans dunha empresa privada. Nestas últimas, as de xestión privada, levan tempo arrastrando problemas, as traballadoras pasaron meses sen cobrar o soldo a tempo.

“É necesario unificar toda a rede de bibliotecas baixo a xestión municipal directa. Pode facerse, xa hai doutrina no Supremo que facilita a subrogación do persoal, e o camiño está claro. Pero o goberno municipal non moveu un dedo neste mandato, nin sequera convocou a comisión acordada polo pleno en outubro a iniciativa nosa para estudar a municipalización. Nin arre, nin xo”, lembra María García, voceira municipal da Marea Atlántica. 

Como denuncia García, a cultura leva catro anos menosprezada, cambiando de mans en cada unha das crises de goberno que viñeron despois. Nese tempo, as únicas iniciativas relacionadas co tecido local viñeron de mans de iniciativas da Marea Atlántica, coma a creación dun Consello Municipal de Cultura que chegou no tempo de desconto do mandato e nin ocasión tivo de reunirse. “O sector cultural non merece este trato”, argumentou. 

Xan Xove comprométese a facer da Coruña “unha cidade do libro e a lectura” os 365 días do ano