O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía avanza que exercerá o dereito de tenteo que o Concello ten sobre as vivendas de protección de Tabacos para incorporalas ao parque público
A Marea Atlántica celebrou hoxe unha xornada dedicada ao proxecto piloto de renda básica que porá en marcha no próximo mandato e outras políticas sociais innovadoras
Xan Xove, candidato á alcaldía da Marea Atlántica, adquiriu hoxe o compromiso de ceder solo municipal, a través dun concurso público, para que cooperativas de iniciativa social e sen ánimo de lucro poidan construír vivendas colaborativas para persoas maiores, o chamado cohousing senior. E adiantou, ademais, que exercerá o dereito de tenteo que o Concello posúe sobre as vivendas de protección oficial construídas en Tabacos, para incorporalas ao parque público antes de que pasen ao mercado libre.
O noso cabeza de lista lanzou hoxe estas propostas desde o centro cívico da Cidade Vella, onde celebramos a xornada “Temos que falar da Renda Básica”, á que asistiron Sergi Raventós e Lluis Torrens, responsables das iniciativas piloto impulsadas na Generalitat de Catalunya e o Ajuntament de Barcelona. Na Coruña, no vindeiro mandato, apostamos por poñer en marcha un proxecto similar de Renda Básica, como xa avanzou Xan Xove a semana pasada.
Tamén participaron no foro de hoxe Mariló Candedo, presidenta do Colectivo pola Renda Básica da Coruña; Ana Louzán, responsable de Acción Social da ONG Viraventos; e Noelia Teijeiro, Investigadora predoutoral experta en políticas fronte ao envellecemento.
O modelo da vivenda colaborativa
O cohousing é unha alternativa residencial baseada na creación de comunidades, que cumpre con 12 dos 17 obxectivos do Desenvolvemento Sostible (ODS). “Por iso entendemos que as administracións públicas deben apostar decidamente por estas novas fórmulas que afastan a vivenda da especulación, complementan a promoción pública tradicional e poñen no centro a vida das persoas maiores e os seus dereitos humanos”, explicou Xove.
Lembremos que na Coruña, segundo os datos do INE, IGE e Padrón municipal, o 28,2% da poboación ten máis de 64 anos, cun total de 24.558 homes e 37.189 mulleres, cun índice de envellecemento que aumenta ano tras ano. É necesario que o Concello conte con políticas públicas para mellorar a vida destes milleiros de veciñas e veciños. Xove salientou a necesidade de “superar a visión negativa sobre a vellez e deixar atrás tópicos edadistas e discriminatorios” e de “mellorar o deficitario sistema público de atención ás persoas maiores, cuxos límites quedaron en evidencia durante a pandemia”.
Por iso, defendeu “un novo modelo de envellecemento activo, no que se encadra a nosa proposta de promover o cohousing senior, que ofrece a posibilidade de desenvolver unha vida independente e comunitaria, desde a autonomía, a comunicación, a axuda mutua, a participación social e a autodeterminación”.
O fomento do cohousing forma parte do compromiso da Marea Atlántica de ceder solo municipal para outras iniciativas innovadoras de carácter cooperativo, non necesariamente destinadas a persoas maiores, que xa asumimos no seu día coa plataforma Outra Forma de Vivenda. Consta nos acordos subscritos co goberno de Inés Rey en decembro de 2021, pero o PSOE non fixo nin o mínimo xesto para cumprilo.
Tenteo sobre as vivendas de Tabacos
Na liña de fomentar o dereito á vivenda, Xove adiantou que exercerá o dereito de tenteo no caso das vivendas de protección oficial de Tabacos “O Concello ten dereito preferente a mercar as VPO de Tabacos cando esta cambia de mans. Deste xeito poderíamos aumentar o parque de vivenda pública na Coruña en lugar de contribuír a inchar os prezos do mercado libre”, argumentou o candidato.
As vivendas da antiga Fábrica de Tabacos, máis de 170, foron construídas orixinalmente en parcelas de titularidade municipal. E no acordo de cesión de terreos, reservouse o dereito de tenteo. “É un dereito normalmente reservado para a Xunta, pero nunca o exerce, nós comprometémonos a poñelo en práctica”, explica Xan Xove. Temos que lembrar que dos 6,5 millóns de vivendas de protección oficial que se construíron en España desde os anos 50, case todas remataron no mercado privado.
O Concello, desde logo, ten recursos suficientes para afrontar a compra dos pisos de Tabacos. O ano pasado non se gastou un só euro do orzamento previsto para vivenda pública, 2,8 millóns de euros quedaron na caixa cando podían terse usado para fomentar un dereito.
Proxecto piloto da Renda Básica
No transcurso da xornada, tanto Xan Xove coma as participantes na xornada puxeron en valor a Renda Social Municipal da Coruña, creada en 2016 polo goberno de Xulio Ferreiro, que axudou a cubrir as necesidades básicas de centos de persoas desde entón. “Durante o mandato de Inés Rey propuxemos ampliar a súa cobertura para chegar a máis xente e incrementar a súa contía ante a crise da inflación. O PSOE desatendeu esta proposta porque non ten ningún interese na materia”, analizou o noso candidato.
Por iso, tras catro anos nos que a xestión da área de Benestar Social case non se pode cualificar porque nin se presentaron ao exame, será o momento de retomar o reforzo dos dereitos. “En maio, cando volvamos ao goberno, impulsaremos a Renda Social Municipal e poremos en marcha un proxecto piloto de Renda Básica para fomentar a súa implantación a nivel global”, comprometeuse Xan Xove.