Saltar ao contido

O candidato da Marea Atlántica percorreu o barrio coa asociación veciñal e comprometeuse a reforzar o servizo de bus e bicicleta desde unha nova empresa municipal de transporte

Desbloquearemos tamén os equipamentos pendentes no barrio, coma a biblioteca municipal, e apostamos por negociar unha oficina de Correos a xornada completa

Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, percorreu onte o barrio de Novo Mesoiro xunto coa asociación veciñal do barrio e varios membros da súa candidatura e comprometeuse a mellorar as súas conexións co resto da cidade e cos grandes nodos coma os hospitais, a universidade e os polígonos industriais. Con mellor servizo de bus urbano e coa instalación de BiciCoruña. “Novo Mesoiro ten que ser o exemplo do que podemos conseguir na Coruña cun novo enfoque sobre a mobilidade”, declarou Xove. 

Así, dentro da aposta da Marea Atlántica por unha empresa municipal de transporte ao remate da concesión privada —que caduca en 2024—, chegará o momento de darlle ao barrio o transporte público que lle corresponde pola súa poboación, máis de 7.500 persoas, moitas delas menores en idade escolar. Mentres tanto, e coma solución temporal, o Concello ten que procurar vías coa Xunta de Galicia para facilitar o uso do bus interurbano que ten parada no barrio. A integración das liñas interurbanas e urbanas nunha única rede metropolitana ao servizo das necesidades da mobilidade diaria, e non das concesionarias, será unha das claves do novo mapa de rutas.

A mobilidade alternativa ao coche tamén se potenciará cunha nova estación de BiciCoruña, xa que Novo Mesoiro é un dos barrios que non ten acceso ao préstamo público de bicicletas —situación na que se atopan máis de 25.000 persoas—. Lembremos que esta estación atopábase contemplada no proxecto de ampliación de BiciCoruña que financiou e deseñou o goberno de Xulio Ferreiro, pero que non chegou a ser plenamente desenvolvida neste mandato. Das 55 estacións previstas, hai 22 que aínda non se instalaron.

Máis equipamentos no barrio

Xan Xove tamén prometeu impulsar os equipamentos que precisa o barrio: biblioteca, oficina de correos, mellores conexións co transporte público e unha estación de Bicicoruña. “Xa hai 20 anos que Novo Mesoiro é un barrio da Coruña, e grazas ás demandas veciñais foi mellorando a súa calidade de vida, pero por desgraza foi deseñado sen ter en mente moitos servizos básicos, un déficit que aínda arrastra. No vindeiro mandato, desde o goberno municipal, traballaremos para resolvelo”, resumiu Xove.

Así, o cabeza de lista comprometeuse a desbloquear a dotación dunha biblioteca municipal para o barrio. A redacción do proxecto xa debería estar en marcha, pois foi parte dos acordos orzamentarios entre a Marea Atlántica e o PSOE tanto en 2020 como en 2022 –en 2021 o goberno privou unilateralmente de contas o Concello–, pero Inés Rey non cumpriu. Durante o goberno de Xulio Ferreiro creouse un punto de lectura no centro cívico, que tivo moi boa acollida, pero que precisa xa unha ampliación cara un servizo bibliotecario pleno.

Xove tamén se comprometeu a cederlle a Correos un local municipal no barrio, no número 21 da rúa Ribeira Sacra, coa condición de instalar en Novo Mesoiro unha oficina a tempo completo. A que funciona actualmente só abre de 09:30 a 13:30, un horario escaso para atender ás necesidades Ten que pasar de ser unicamente unha “oficina satélite” a tempo parcial a ser unha sucursal de nivel 5 ou 6, con apertura a xornada completa.

Coidado do espazo público

Desde a AVV reclámase, tamén, un mellor mantemento e coidado do espazo público: iluminar zonas deportivas, repoñer céspede, amañar valados, reacondicionar zonas de aparcamento e mellorar parques infantís e crear novas medidas de accesibilidade están entre as demandas.

Ademais, faise necesario potenciar a actividade dos espazos TEU situados na mesma rúa Ribeira Sacra, dous locais municipais que a veciñanza pode solicitar libremente e que foron creados no mandato da Marea Atlántica. Será o momento de amplialos e dinamizalos cun programa de actividades acorde ás necesidades da veciñanza. 

Xan Xove fará de Novo Mesoiro un referente da nova mobilidade na Coruña, mellorando as súas conexións en transporte público coa contorna e o resto da cidade