En 2020, a área de Servizos Sociais deixou 10 millóns de euros sen gastar nos seus orzamentos e 1,2 millóns no Presco, mentres aumentan as listas de agarda e se dilata o tempo de tramitación de axudas
A concelleira Silvia Cameán reclamoulle hoxe explicacións ao goberno municipal pola baixísima execución dos fondos en Servizos Sociais, a peor dos últimos doce anos. Os datos ofrecidos polo propio executivo local amosan que só se executou o 66%, con máis de 10 millóns de euros sen gastar, e o mesmo ocorreu do eixo social do plan de choque contra a COVID, o chamado Presco, no que 1,2 millóns quedaron na caixa e só se executou o 48%.
Desde a Comisión Informativa de Servizos Sociais, organismo que preside, Cameán afirmou que “estas cifras serían difíciles de xustificar nun ano normal, pero no ano da pandemia, onde cada euro público era necesario para axudar ás persoas máis afectadas, son un escándalo”. Así, denunciou que os reforzos do Presco para as axudas de emerxencia, a Renda Social Municipal e a bolsa social de alugueiro quedaron a cero, “non se gastou un só euro, e resulta gravísimo cando as entidades sociais están a denunciar un aumento nas listas de agarda e o tempo no que se tramitan as prestacións”.
En canto ao orzamento da concellaría que dirixe Yoya Neira, o 66% de execución acadado en 2020 é dez puntos máis baixo que o peor ano da Marea Atlántica (2016) e só se achega ao 2008, no que o goberno bipartito PSOE-BNG pechou con só o 68% dos fondos en Servizos Sociais executados. “A pandemia non pode ser escusa, máis ben ao contrario. As necesidades xurdidas da pandemia terían que levarnos a investir mellor os recursos de xustiza social”, conclúe a concelleira.
Unha vez máis, temos que reclamarlle ao executivo de Inés Rey que aterre en 2021 e comece xa un novo plan de choque fronte á COVID que aprenda dos erros e mellore o anterior. Estamos en febreiro e non vimos nin un borrador. E vai sendo necesario introducir novos servizos para as novas necesidades, tal e como reclaman as entidades sociais da Coruña: servizo de asistencia psicolóxica, medidas contra a fenda dixital que impide que moitas persoas accedan ás axudas por non ter ordenador ou móbil ou reforzos de persoal na tramitación da renda social e as axudas de emerxencia, entre outras cuestións.
Bolsas comedor en Novo Mesoiro
Desde a Comisión de Servizos Sociais, Silvia Cameán tamén esixiu que se lle poña remedio aos problemas para conceder as bolsas comedor no colexio de Novo Mesoiro. Tal e como denunciou unha representante da ANPA no último Pleno, os problemas da Xunta para inaugurar o centro este curso fixeron que o servizo de comedor non estivese activo en setembro, polo que o goberno municipal non o tivo en conta na tramitación das bolsas comedor. Nestes momentos, hai familias que teñen dereito a esta axuda, pero non están a percibir ningún apoio do Concello, e levan así desde outubro. Agardamos que as promesas de solucionalo non se incumpran.
As que si se están a incumprir son as relativas a poñer en marcha un novo contrato de Axuda no Fogar, para chegar a 200 familiasmáis, así como un novo servizo de lavandería a domicilio para persoas maiores. Forman parte dos compromisos do plan de choque e dos orzamentos 2020 que quedaron sen executar.
Cameán tamén reclamou que se publique canto antes a convocatoria de bolsas comedor para o curso 2021/2022, coa fin de evitar os atrasos que se produciron en anos anteriores e prexudicaron a centos de familias na cidade.