A condonación é a única saída realista para a transformación dos peiraos, tal e como se defende en todos os acordos de consenso dos últimos cinco anos
Desde o grupo municipal da Marea Atlántica celebramos que a Ines Rey desautorice ao seu concelleiro de Urbanismo e defenda, por fin e sen medias tintas, a condonación da débeda do porto da Coruña. Así o fixo esta mañá en declacións a un medio de comunicación, sendo a primeira vez de se pronuncia en público sobre esa cuestión fundamental. Só lle levou 19 meses no cargo.
As palabras da alcaldesa contradín ao concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, que afirmaba onte noutro medio que era “máis presentable” asumir a débeda que condonala. Na mesma liña vai o informe da Universidade da Coruña encargado polo goberno municipal, que chega a sinalar, dun xeito máis que discutible, que unha condonación da débeda tería un “impacto reputacional negativo” sobre a Autoridade Portuaria e a cidade.
Tampouco pode asumirse a proposta de que outras administracións, o Concello entre elas, “adianten cartos” para pagar unha débeda que ten que borrarse da ecuación. Condonar a débeda non é o mesmo que recoñecela e facer achegas para pagala, como se propón non informe da Universidade da Coruña. Os fondos públicos estarán mellor investidos en urbanizar os peiraos cando se abran á cidade, non en operacións financeiras antes de mover unha soa pedra.
O consenso dos últimos cinco anos, labrado desde a mobilización cidadá (4.000 persoas na rúa en 2017) e referendado en numerosas iniciativas polo Pleno do Concello, a Deputación da Coruña e o Parlamento de Galicia, sempre tivo a condonación da débeda como un dos seus eixos. Preocúpanos que o PSOE tente agora rachar ese consenso e saudamos que a alcaldesa, por fin, deixe as cousas claras. Fronte ao Estado, non pode amosarse debilidade nin dúbidas. Cando se trata de esixir xustiza para a cidade diante da Moncloa, o que toca é firmeza, claridade e un esforzo por ter o maior apoio na Corporación.
A reputación de Valencia está intacta
A débeda é inxusta e ten intereses cercanos á usura, ata o punto de que a Autoridade Portuaria da Coruña é a principal fonte de ingresos financeiros de Puertos del Estado: o 97% dos que recibiu en 2019, concretamente. O porto coruñés xa pagou 40 millóns de euros só en intereses, sen amortizar nada.
Esta débeda nace, non o esquezamos, de asumir a construción do Porto Exterior, unha obra de interese xeral. E mentres en Valencia o Estado condona unha débeda nacida de pagar a Copa América e a Fórmula 1, na Coruña pretende hipotecar o futuro dos peiraos para seguir cobrando. En Valencia, por certo, non hai problema ningún de reputación.
Como fixemos onte na xuntanza co presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, deixamos clara a nosa oposición a que a débeda se empregue como excusa para vender o bordo litoral da Coruña. Calquera proposta para especular nos peiraos teranos en fronte, porque o porto ten que seguir sendo porto, un motor económico e de emprego para a nosa comarca, non unha urbanización.
A solución é respectar o consenso no que todos os grupos politicos da Coruña levamos anos atopándonos: condonación da débeda, ferrocarril ao Porto Exterior, titularidade pública dos peiraos, protección da pesca e a economía do mar e transparencia no debate. As palabras dadas e os acordos asinados teñen que corresponderse cos feitos.