Saltar ao contido

A UDC recomenda manter este solo como patrimonial, o que permitiría a súa venda no futuro, vulnerando o aprobado pola Corporación da Coruña por maioría absoluta 

A Marea Atlántica impulsou un cambio urbanístico para que estes terreos se integrasen no dominio público local, o que os blindaría fronte a calquera tentación especulativa. Esiximos que se cumpra e apostamos pola cesión gratuíta do solo

O plan que a Universidade da Coruña elaborou para o futuro dos peiraos interiores, por encargo do goberno municipal, inclúe unha proposta para a Solana que racha o aprobado pola maioría absoluta do Pleno en cumprimento do pacto entre o PSOE e a Marea Atlántica para a investidura de Inés Rey. O documento, feito público esta semana, suxire “manter os terreos da Solana como patrimoniais da Autoridade Portuaria da Coruña, con fins idénticos aos actuais”, é dicir, permite que no futuro se poida activar de novo unha operación de venda como a que o porto intentou en decembro de 2016

“Desde a Marea Atlántica, esixímoslle á alcaldesa que sexa clara e se desmarque de inmediato desta proposta e cumpra o acordado no Pleno: blindar a natureza pública dos terreos da Solana”, afirma a nosa voceira, María García. Con esas mesmas palabras “blindar a natureza pública dos terreos da Solana” figura no acordo de inicio de mandato que asinamos co Partido Socialista en xuño de 2019. Esiximos que se cumpra e apostamos porque este cambio da titularidade do solo se faga a través da cesión gratuita da Autoridade Portuaria ao Concello.

E con esa mesma intención aprobouse definitivamente no Pleno de xaneiro de 2020 unha modificación puntual do PXOM que xa se iniciara no mandato anterior. Este cambio non só corrixía o cambiazo que o goberno de Carlos Negreira perpetrara en 2013, tachando cun rotulador a palabra “público” sobre a Solana e poñendo “privado”. Tamén obrigaba ao Concello a incorporar estes terreos ao dominio público local (polo que deixarían precisamente de ser “patrimoniais”), mediante expropiación, cesión ou convenio. O ideal para o interese xeral, como dicimos, é a cesión gratuita e por ela debería apostar calquera goberno que se considere progresista. 

Unha idea copiada de Feijóo

En realidade, a proposta da UDC para a Solana calca o que Feijóo propoñía no protocolo de 2018, co agravante de que hoxe isto non só é prexudicial para a cidade e a defensa do común, senón contrario a un acordo plenario firme e ás obrigas asumidas polo Concello con esa modificación do PXOM. Cando a Xunta o propuxo, aínda non se desfixera o cambiazo de Negreira. Na actualidade, seguir o criterio da universidade viria a supoñer un segundo cambiazo. Por iso Inés Rey debe ser contundente e desmarcarse.

A diferenza entre un e outro tipo de titularidade é importante. No seu caracter actual de “patrimoniais”, estes terreos considéranse susceptibles de ser obxecto de compravenda. Xa se intentou en 2016, e só a mobilización cidadá conseguiu impedilo. Por iso, o goberno de Xulio Ferreiro deseñou este cambio no PXOM para facer dese solo un “dominio público”, imposible de vender, un cambio que se formalizou neste mandato e que debe completarse. 

Polo tanto, para respectar os acordos e, sobre todo, para protexer o bordo litoral da Coruña da especulación, pedímoslle ao goberno de Inés Rey que manteña a folla de ruta para facer dos terreos da Solana un verdadeiro patrimonio público. 

Inés Rey ten que desmarcarse de inmediato do novo cambiazo que propón a Universidade da Coruña nos terreos da Solana