As vivendas de uso turístico volveron incrementarse no último mes, acumulan unha suba do 32% dende outubro de 2023 e xa triplican a oferta de alugueiro convencional
A formación municipalista reclama un punto de inflexión no Concello da Coruña e que a situación da vivenda centre o debate sobre os orzamentos
Tres de cada catro vivendas que se ofertan hoxe na Coruña están destinadas exclusivamente ás persoas que visitan a cidade. As chamadas Vivendas de Uso Turístico (VUT) seguen a minguar a oferta de alugueiro convencional grazas á política de barra libre de Inés Rey. Segundo os datos do Rexistro de Aloxamentos Turísticos (REAT), actualizados onte mesmo pola Xunta de Galicia, este tipo de estabelecementos incrementáronse un 1,4% no último mes e xa suman 1.372 na cidade. No que vai de ano esta suba ascende ao 16,3%. Dende outubro do ano pasado, un 32% máis. Para a Marea Atlántica xa non hai tempo para escusas: a alcaldesa ten que suspender de inmediato a autorización de novos pisos turísticos e dotar o sector dunha regulación da que hoxe carece.
A proliferación incontrolada de pisos turísticos é unha das principais causas do encarecemento do alugueiro convencional nos últimos anos. Non só porque se reduza a oferta, senón porque se quentan os prezos a consecuencia do diferencial de rendibilidade dos activos inmobiliarios. Unha vivenda en alugueiro produce hoxe na Coruña, de media e con datos oficiais da Xunta, uns ingresos de 8.000 euros anuais. No mercado turístico esa propiedade xeraría, segundo a principal consultora do sector, case 15.000 euros durante o mesmo período. A fuga está servida.
A solución que Inés Rey se nega a escoitar
A moratoria que propón a Marea Atlántica prolongaríase durante un ano. Tempo abondo para que a Corporación puidese modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para estabelecer regras onde agora non as hai. A normativa determinaría onde se poderían implantar este tipo de negocios e onde non, protexendo as zonas sensibles ou xa saturadas e poñendo así por diante a garantía do dereito a unha vivenda digna, adecuada e asequible da cidadanía. Algo que xa podería estar en vigor de non ser polo bloqueo da alcaldesa. Cando Inés Rey rexeitou a iniciativa plenaria da Marea Atlántica en xaneiro de 2023 só había 713 pisos turísticos na Coruña. A metade.
Os novos datos do Rexistro de Aloxamentos Turísticos chegan cando en María Pita comeza unha nova rolda de negociacións para aprobar os orzamentos do vindeiro ano. Ante a gravidade da situación na cidade, a Marea Atlántica reclama que o dereito á vivenda sexa protagonista no debate político nas próximas semanas. O goberno municipal talvez estea disposto a pasar outro ano sen abordar o problema, pero os veciños e as veciñas, especialmente as persoas e familias con menos recursos, non poden permitirse ese luxo.