Saltar ao contido

Iago Martínez: “O PSOE debe reconsiderar o recorte de 700.000 euros no IMCE e apoiar á cultura da cidade” 

Segundo un informe do Consello da Cultura Galega, o sector cultural é o máis afectado pola crise e perdeu mil postos de traballo dende o mes de marzo

A voceira e o vicevoceiro da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez, reuníronse hoxe coa Asociación de Libreiros e Libreiras da Coruña para coñecer de primeira man como están a vivir a crise derivada do coronavirus e como afrontan a celebración da Feira do Libro no próximo mes de agosto, anunciada pola Xunta de Galicia. “É un momento difícil para o sector e para este tipo de feiras, moi condicionadas polas medidas de seguridade que todos e todas debemos cumprir”, explica Martínez. “Sería bo que o Concello lle dese aos libreiros e ás libreiras as maiores facilidades posibles para que, se deciden participar na feira, poidan facelo con garantías, na mellor localización e en condicións favorables. Cubrir os custos desa participación pode ser útil”, conclúe.

En todo caso, á marxe da Feira de Libro, a Marea Atlántica entende que é preciso poñer en marcha, man a man coa asociación, outras iniciativas de apoio e dinamización para mitigar o impacto dos meses de confinamento e das restricións de aforamento nas librarías. Neste sentido, Martínez anima ao concelleiro de Cultura a “resolver canto antes o atasco do contrato de adquisición de libros para as bibliotecas municipais e a establecer mecanismos que faciliten a celebración de eventos promocionais e o uso do espazo público en condicións seguras por parte das librarías”.

A cultura é un dos sectores que está a levar a peor parte dos efectos económicos da pandemia. “Non pode ser”, argumenta Martínez, “que a resposta por parte do goberno municipal sexa un novo recorte de 700.000 euros no IMCE. Pedímoslle ao concelleiro de Cultura que o reconsidere e ofrecemos o noso apoio para sacar adiante unha modificación do orzamento en sentido contrario, para apoiar a cultura”.

O último informe do Consello da Cultura Galega non deixa lugar a dúbidas: o sector cultural perdeu mil empregos durante o estado de alarma e 4.000 máis están en ERTE, sen garantías de poder retomar a actividade. “Cunha caída do 6,3% nas afiliacións á Seguridade Social, non hai outro sector no que se destrúa tanto emprego en Galicia”, afirmou o noso vicevoceiro.

Comunicado da Banda Municipal de Música

Doutra parte, amosamos o noso apoio ás peticións da Banda Municipal de Música, que emitiu onte un comunicado amosando o seu “profundo desacordo co proceso de selección para a escolla do novo director” da formación musical, lanzada en precario polo Concello.

Como xa denunciamos hai uns días, o goberno municipal non está a escoitar ás persoas que forman a Banda de Música, e pretende cubrir unha praza tan sensible como a dirección (vacante desde marzo) sen facer unha soa proba práctica. Súmase á “situación de abandono” que denuncia o comunicado da Banda, que acumula prazas vacantes sen cubrir e falta de apoio no traballo administrativo. “Todo isto afecta continuada e gravemente ao noso labor, que non é outro que o de espallar a música”, engaden.

Desde a Marea Atlántica, volvemos pedirlle ao concelleiro Jesús Celemín que atenda e amose respecto por unha formación musical con máis de 70 anos de historia na cidade.

 

A Marea Atlántica pídelle ao goberno municipal que cubra os custos da participación das librarías locais na Feira do Libro