Saltar ao contido

Iago Martínez lamenta que se convocase unha comisión de servizos precaria a finais de maio e pídelle ao edil de Cultura que dialogue e teña en conta a opinión dos músicos

A Marea Atlántica celebra o regreso dos concertos da Banda Municipal de Música, que volve mañá domingo, ás 12h, ao anfiteatro do Parque de Santa Margarita tras a paréntese causada pola pandemia. É unha moi boa nova, que pon sobre a mesa, non obstante, os deberes pendentes do goberno local con esta institución cultural de máis de 70 anos de historia. Entre outras cuestións, e como xa denunciamos, a urxente necesidade de renovar o posto de dirección, vacante tras a marcha de Juan José Ocón o pasado mes de marzo.

A través do seu vicevoceiro e representante na Comisión de Cultura, o edil Iago Martínez, a Marea Atlántica lamenta que o concelleiro de Cultura non tivese máis ideas que cubrir de forma precaria a dirección da banda, cunha comisión de servizos convocada a finais de maio e sen ter en conta a opinión do persoal da Banda Municipal, dentro das marxes que permite a normativa de emprego público. Martínez tamén rexistrará unha serie de preguntas de resposta escrita no vindeiro Pleno, para coñecer os detalles da situación actual da Banda.

Unha marcha coñecida en setembro

Juan José Ocón, quen levou a batuta da Banda desde 2017, deixou o cargo por motivos persoais no mes de marzo, sen que na Concellería de Cultura se fixese nada para substituílo ata este precario proceso en maio. Desde setembro de 2019, a Banda ten tamén vacante a praza de subdirección.

Iago Martínez insta, unha vez máis, ao concelleiro Jesús Celemín a cubrir a dirección da Banda o antes posible, e anima ao goberno a amosar un maior interese pola actividade desta formación musical e polos coñecmentos das persoas que a forman: “No futuro, o executivo local debería reforzar o diálogo e ter en consideración o criterio da Banda”.

Martínez insta a cubrir esta praza o antes posible e anima ao goberno municipal a amosar un maior interese pola actividade da Banda Municipal e os coñecementos do seu persoal, e a reforzar por tanto o seu diálogo cos profesionais e ter en consideración o seu criterio no futuro.

Regresan os concertos da Banda Municipal coa praza de dirección convocada en precario