Saltar ao contido

Os 470.000€ necesarios para unhas obras cruciais na depuradora estaban nos Orzamentos do Concello por iniciativa da Marea, pero o goberno municipal eliminounos mentres multiplica o gasto en publicidade

A nosa voceira  propuxo que o novo contrato do subministro eléctrico da depuradora empregue só fontes 100% renovables, como xa fai o Concello desde o mandato de Xulio Ferreiro

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, participou hoxe no Consello de Administración da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens, e constatou o desinterese por asumir as obras necesarias para evitar a entrada de auga de mar, que impide realizar parte do tratamento biolóxico das augas residuais. “Esta mellora, obrigada polas normas da Unión Europea, polas garantías sanitarias e polo coidado do planeta, formaba parte do noso acordo co PSOE para os Orzamentos 2020 do Concello da Coruña, pero o goberno municipal eliminou os 470.000 euros necesarios, dun xeito opaco e unilateral”, explicou García.

O persoal técnico da EDAR e Augas de Galicia alertaron das elevadas filtracións de auga salgada na rede de saneamento, o que impide completar a depuración como manda a normativa. “Porén, o goberno retirou os fondos previstos para destinalos ás medidas de axuda contra a crise do COVID19, que son necesarias, sen dúbida, pero que podían terse financiado con outras partidas: como os 1,3 millóns que se dedican a facer propaganda”, argumentou María García. E engadiu que “xusto nestes momentos de alerta sanitaria, optimizar a depuración das augas residuais debe ser unha prioridade por cuestións de saúde pública”. 

Desinterese nas políticas contra o cambio climático

Doutra banda, María García, reclamou que o novo contrato para o subministro eléctrico da EDAR Bens, cuxos pregos foron hoxe a aprobación sen debate previo, incluíse unha cláusula para garantir que a enerxía proceda de fontes 100% renovables, como xa se fixo no Concello da Coruña durante o goberno da Marea Atlántica. A proposta foi rexeitada, polo que a nosa representante votou en contra.

“É unha mágoa que o Consello de Administración non aproveite a oportunidade agora que toca renovar o contrato. Polo que se ve, o compromiso na loita contra o cambio climático se reduce a declaracións e a facerse unha foto o día do Medio Ambiente. Falta valentía e compromiso real”, argumentou García.

Cómpre lembrar que o Concello da Coruña vén de adherirse ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, que establece ambiciosos obxectivos de redución de CO2, pero o compromiso con políticas e medidas concretas é, de momento, moi escaso.

A depuradora de Bens queda sen as obras necesarias para mellorar o tratamento das augas residuais e reducir a contaminación do mar