Saltar ao contido

Desde a Deputación, instaremos ao goberno galego a impulsar un sistema público e de calidade para o coidado das persoas maiores, en lugar de deixalo en mans de empresas movidas só pola cobiza e o afán de beneficio

Alberto Lema: “As deficiencias na xestión das residencias privadas foron constantes e non poden quedar impunes”

A Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno da Deputación da Coruña unha moción para reclamar que a Xunta “investigue a xestión sanitaria e asistencial das residencias de DomusVi antes, durante e despois da pandemia de coronavirus COVID-19”. Tamén se insta ao goberno galego a “presentar un plan de atención integral ás persoas da terceira idade de Galicia, asentando no principio da xestión pública e directa deste servizo”. O noso voceiro provincial, Alberto Lema, engade que “as deficiencias e irregularidades na xestión das residencias privadas foron constantes nesta crise e non poden quedar impunes”.

“Co estoupido da pandemia é cando se poñen de manifesto con toda a súa crueza os efectos das políticas privatizadoras que deixaron en mans de empresas movidas unicamente polo afán de lucro a curto prazo a saúde dos nosos maiores”. As cifras falan soas, 274 persoas morreron en residencias da terceira idade en Galicia, un 44% do total dos falecementos por COVID19. Todas as mortes menos unha foron en centros privados. 

A Xunta atrasou o traslado hospitalario

No texto da moción lémbrase que DomusVi acumula denuncias tanto do seu persoal como das familias das persoas usuarias, e que “a directora do centro de San Lázaro, Gloria García, remitiu unha carta denunciando que a Xunta de Galicia tardou catro días, entre o 18 e o 22 de marzo, en autorizar a hospitalización de persoas afectadas polo coronavirus” e que só “os máis autónomos” foron ingresados finalmente na residencia medicalizada de Porta do Camiño.

Como sinala o noso voceiro provincial, Alberto Lema, “DomusVi é unha empresa que medrou sobre os restos do antigo sistema público de Sogaserso e Geriatros, e que acumula moreas de denuncias laborais e de usuarias pola pésima calidade do seu servizo e por incumprir de xeito sistemático as ratios de persoal,  tal e como recoñecen informes do Consello de Contas”. As consecuencias desta privatización foron fatais, como amosan as cifras.

Esiximos que á Xunta investigue a xestión das residencias de DomusVi nesta pandemia