Saltar ao contido

A menos de dúas semanas de rematar o ano, o goberno está a requirir documentación ás persoas que as solicitaron, en moitos casos por segunda vez, para xustificar o atraso

Na Comisión de Facenda non se ofreceron datos reais sobre a execución do plan de choque contra a COVID19: unha vez máis, a propaganda vai por diante da realidade


A Marea Atlántica vese obrigada a denunciar, unha vez máis, que o goberno municipal oculta datos sobre a execución do plan de choque contra a pandemia, o chamado Presco, que se aprobou coa colaboración de todos os grupos no mes de maio. Na Comisión de Facenda celebrada hoxe, o executivo local escondeu, entre outras moitas cousas, cantas axudas de emerxencia para pemes, micropemes e autónomos foron xa pagadas.

Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica e integrante da Comisión de Facenda, explica que “hoxe só recibimos datos absolutamente manipulados, mesturando partidas do plan de choque con outras xenéricas, gastos ordinarios con outros vinculados ás políticas acordadas polo conxunto da Corporación e incluídas no Presco. Non sabemos o grao de execución deste plan, só que o goberno minte, e non sabemos cantas axudas están sen conceder cinco meses despois de abrirse o prazo para pedilas”. Cos últimos datos dispoñibles, do 29 de outubro, pagáranse 107 dun total de 3.728 solicitudes, menos do 3%.

Iago Martínez, na Comisión de Facenda

Segundo os datos do goberno municipal, hai 1.499 axudas “en proceso de pago”, non pagadas, por importe de 1,2 millóns de euros. Iso supón menos do 40% das 3.827 solicitudes recibidas e pouco máis do 20% dos fondos previstos para estas subvencións, que ascendían a 5,4 millóns de euros. No caso concreto da hostalaría, o edil de Facenda asegura que están “resoltos ou en proposta” 228 expedientes, ou o que é o mesmo, menos do 30% das 762 solicitudes.

En lugar de resolver os trámites, o goberno municipal está ocupado en procurar escusas para a súa imperdoable lentitude. Cando faltan dúas semanas para rematar o ano, desde a área de Facenda están a chegar solicitudes masivas de documentación, en moitos casos xa presentada no seu día, como unha forma de xustificar o atraso. Tal e como afirma Iago Martínez, “pedímoslle ao goberno que espabile, faga o seu traballo e deixe de culpabilizar ás persoas beneficiarias”.

Mesa de negociación e Orzamentos 2021

Neste sentido, o noso vicevoceiro solicitoulle ao goberno que achegue canto antes información real e de calidade para poder avaliar os resultados do plan de choque e poder melloralo no futuro. “Porén, o que precisa a cidade non son máis fotos nin máis propaganda, son uns Orzamentos para 2021 realmente adaptados á crise que temos enriba”. Finalmente, instamos ao goberno municipal a mudar o seu costume de rachar os acordos e convocar, canto antes, a comisión de seguimento co comercio e a hostalaría, tal e como se comprometeu a semana pasada coa Marea Atlántica e o BNG. 

O goberno oculta cantas axudas directas do Presco están pagadas a 17 de decembro