Saltar ao contido

Iago Martínez: “A xestión do PSOE no IMCE deixa un ronsel de improvisación, cancelacións, indemnizacións e facturas con reparos de legalidade das que aínda hai 300.000 euros sen pagar. Evidencia un goberno dividido e ineficaz”

As áreas de Cultura e Festas acusan o baile de responsables, catro diferentes en ano e medio: contratos asinados horas antes do inicio dos concertos, abuso dos trámites de urxencia e ata quince cancelacións non compensadas


A Marea Atlántica fai o preocupante balance da xestión das Festas de María Pita e o Festival Noroeste deste ano, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). Tras solicitar varias veces acceso aos expedientes, o concelleiro Iago Martínez, vicevoceiro municipal da Marea Atlántica e representante no Consello Reitor do organismo, puido acceder por fin eles nas últimas semanas. Describe a situación coma “un ronsel de improvisación, cancelacións, indemnizacións e facturas irregulares por valor de case medio millón de euros. A propaganda non é quen de disimular o impacto que sobre a xestión ten contar cun goberno en minoría, dividido e ineficaz”.

Nunha dinámica moi prexudicial para o sector, como advertimos reiteradamente, a responsabilidade das áreas de Cultura e Festas pasou de man en man nos últimos 18 meses meses. Até catro membros do goberno tiveron competencias sobre esas materias: Jesús Celemín, Diana Cabanas, José Ignacio Borrego e a propia alcaldesa. E, a maiores das facturas irregulares, vemos contratos asinados a escasas horas da celebración dos concertos, abuso dos trámites de urxencia, quince cancelacións que non foron compensadas con novas datas e unha indemnización a un promotor, que probablemente só será a primeira.

Desde o verán, quedan aínda sete facturas sen pagar por valor de 294.133,12, sinaladas con reparos de legalidade pola Intervención municipal nun informe do 27 de novembro. Non foron as únicas con problemas: o 13 de novembro a alcaldesa autorizou o pago doutras dez por 71.125,64 euros a pesar do ditame suspensivo do interventor. Unha parte dos gastos sinalados como irregulares teñen que ver coa contratación de servizos complementarios para os recintos do IMCE, feitos a dedo tras o vencemento do contrato correspondente e tras 18 meses pendentes dunha licitación que non chega nunca. Estes servizos xa motivaran outro reparo de legalidade suspensivo de Intervención a mediados de outubro, no que se paralizaba o abono de seis facturas de 104.691,96 euros.

Como sinala Iago Martínez, “en total, en menos dun ano, só pola xestión das festas e o principal evento musical da cidade, o Noroeste, Inés Rey acumula 469.950,72 euros en facturas irregulares”. E lembra que o IMCE non está entre as competencias do novo director de área de Cultura, Rómulo Sanjurjo, senón que “depende directamente da alcaldesa, que delega a xestión no seu xefe de gabinete, Gonzalo Castro, a quen incorporou ao Consello Reitor do IMCE, a quen lle atribuiu competencias executivas por decreto e a quen intentou sumar, incumprindo as condicións do convenio asinado coa Deputación da Coruña, á comisión de seguimento da xestión do Teatro Colón”.

Improvisación, contratos a última hora e cancelacións

O noso vicevoceiro sinala que “a cultura é un dos sectores máis golpeados pola crise derivada da pandemia, onde as necesarias restricións impostas polas autoridades sanitarias dificultan a celebración de eventos e as cancelacións adoitan prexudicar o elo máis feble da cadea”. Por este motivo, desde a Marea Atlántica sempre lle esiximos ao goberno municipal unha serie de compromisos en defensa do sector. Entre eles, que non se cancelase ningunha actuación, senón que se buscasen datas e formatos alternativos, de xeito análogo ao que se fai cos contratos de grandes empresas co argumento da defensa do emprego.

A día de hoxe, o estudo da documentación deixa constancia de, polo menos, quince actuacións canceladas no Noroeste e da anulación do gasto previsto, que ascendía a 28.721 euros, sen compensación de ningún tipo. Todos estes contratos formalizáronse o 3 de agosto, só catro días antes do inicio do festival, finalmente cancelado. Esta improvisación, e o prexuízo causado, é o que motivou unha reclamación por parte da empresa contratada. O Concello da Coruña admite que foi unha “decisión unilateral” que non adoptou “até o último momento” e aprobou unha indemnización de 7.000 euros polos gastos ocasionados. Á vista da deficiente xestión, é probable que non sexa a última.

 

Un festival a dedo e baixo nivel de execución

Iago Martínez constata tamén nos expedientes consultados “o incumprimento deliberado dun dos acordos asinados coa Marea Atlántica o 23 de decembro para a aprobación dos orzamentos en vigor”. A documentación demostra que tres semanas despois de comprometerse a escoller mediante concurso público a dirección do Noroeste, o goberno municipal contratou a dedo esas funcións, que acabarían custándolle ao erario público 17.182 euros.

Non é o único que precisa dunha rectificación por parte do goberno local. Neste ano que remata, por primeira vez nunha década e tras catro anos expansivos co alcalde Xulio Ferreiro á cabeza, o orzamento das políticas culturais viuse reducido con respecto ao exercicio anterior. Malia a este recorte, ao que habería que sumar o de 500.000 euros que se aplicou para financiar unha parte do Presco, o nivel de execución no IMCE está a ser moi baixo. A 10 de novembro, segundo os últimos datos dispoñibles, era do 48,8%. Quedaban 3,2 millóns sen tocar.

 

As Festas e o Festival Noroeste suman preto de medio millón de euros en facturas irregulares