Saltar ao contido

Asinamos un acordo con PSOE e BNG para bonificar ao 50% as taxas do lixo e a auga aos pequenos negocios de hostalería, cultura e comercio mentres existan restricións sanitarias. E do 100% cando se vexan obrigados a pechar

En 2022 entrará en vigor unha rebaixa do 50% tamén na auga e o lixo para familias monoparentais con menores a cargo

María García: “Con este pacto procuramos mellorar a vida da xente que o precisa. Para iso estamos nas institucións. Pero dado o historial de incumprimentos, non deixaremos de esixirlle ao goberno municipal que o faga realidade”


A Marea Atlántica vén de asinar un acordo de mínimos co BNG e o goberno municipal do PSOE para introducir medidas de xustiza fiscal nas ordenanzas municipais e incorporar descontos para os sectores máis afectados pola crise e para as familias monoparentais. Os trámites teñen que estar rematados antes do 31 de xaneiro.

A nosa voceira, María García, sinalou que “con este pacto procuramos mellorar a vida da xente. Podía ter chegado antes se o goberno estivese máis interesado en negociar que en parapetarse tras informes á carta, pero que chegue é unha boa nova”.

Deste xeito, o compromiso asinado polos tres grupos recolle varias das propostas que a Marea Atlántica tentou levar a Pleno ata en dúas ocasións e sempre foron bloqueadas. Son as seguintes.

  • Bonificación do 50% nas taxas da auga e a recollida de lixo e saneamento para pemes, micropemes e autónomos da hostalería, o comercio e a cultura mentres existan restricións pola pandemia. Son os tres sectores máis afectados pola crise e hai tempo que precisan axuda. É unha bonificación progresiva, destinada aos pequenos negocios, non ás grandes empresas.
  • Esta bonificación aumentará ao 100% cando os negocios se vexan obrigados a pechar por motivos sanitarios. Para cada restrición, unha compensación. Non se lles pode esixir pago por servizos que non están a empregar.
  • Axuda ás familias monoparentais, cunha bonificación do 50% nas taxas da auga e o lixo, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022. O prazo para implantala en 2021 xa pasou, debido á tardanza do goberno municipal en abrir vías de diálogo. Trátase dun colectivo formado nun 81% por mulleres e que merece toda a atención, con políticas adaptadas ás súas necesidades. Este tipo de unidades familiares, conta cun maior risco de exclusión social, pero tamén con notables dificultades de conciliación da vida familiar e laboral.
  • Axilización urxente das axudas do plan de choque contra a pandemia, o chamado PRESCO. A demora é xa intolerable.
  • Establecemento dunha nova liña de axudas para establecementos afectados polas restricións horarias derivadas do estado de alarma, como salar de concertos, cafés-bares e locais análogos.
  • Mesa de diálogo, con todos os grupos da corporación e os sectores afectados, para avaliar o desenvolvemento do PRESCO e recoller as súas propostas de cara a implantación de novas medidas.

O impacto destas medidas é perfectamente asumible dado o penoso nivel de execución do orzamento: a piques de pechar o exercicio, quedan máis de 145 millóns sen gastar nas arcas do Concello. Porén, como advirte María García, “dado o historial de incumprimentos deste goberno, fixemos entrega do acordo aos representantes da hostalería, comercio e cultura que se manifestaban hoxe na praza de María Pita á intemperie, como levan meses á intemperie por parte das Administracións, con axudas que se prometen e non chegan. Sen a súa mobilización, o pacto non tería sido posible. Seremos moi esixentes para que se cumpra. Ten que estar en vigor antes do 31 de xaneiro”.

Lembremos que, segundo os últimos datos facilitados polo goberno en outubro,  so foron aboadas 107 das 3.728 solicitudes de axuda directa do  Plan de Reactivación Económica (PRESCO). Os pequenos negocios avisan: ou as administracións actúan de maneira contundente e rápida, ou moitas axudas chegaranlles a empresas pechadas.

Agardando pola fin do copago da axuda á domicilio

Queda fóra do acordo unha proposta á que non renunciamos, e que seguiremos a reclamarlle ao goberno municipal: a fin do copagamento na Axuda no Fogar. “Trátase dun servizo moi feminizado, as mulleres son maioría tanto nas usuarias como nas traballadoras. E un servizo decisivo para as persoas maiores e dependentes. As políticas públicas non poden esquecer os coidados”; sinalou a nosa voceira.

A axuda no fogar é una garantía de que o traballo de coidados non recaia só nas mulleres. Ten unha media de 1.472 usuarias ao ano, que cobren menos do 10% do custo do servizo a través do copago. Como exemplo, en 2017 o custo do SAD ascendeu a 5.699.833,74 euros, dos que 559.529,74 euros foron achegados polas persoas usuarias. O Concello ten recursos abondo para retirar esta carga do lombo dos fogares coruñeses, desfacendo os recortes da Xunta.

Un Pleno co debate secuestrado

O acordo de mínimos asinado entre a Marea Atlántica, o BNG e o goberno municipal produciuse antes do Pleno Extraordinario convocado polo PP para falar das ordenanzas fiscais. “Por desgraza, foi un pleno co debate secuestrado, sen propostas e cunha interpretación restritiva das ordenanzas. O executivo local fuxe da negociación ata que non lle queda máis remedio”, segundo María García.

A nosa portavoz lembrou que se o PSOE tivese iniciado o diálogo sobre a fiscalidade en abril, cando se comprometeu a facelo co noso grupo, teríamos chegado antes a un acordo, con propostas máis ambiciosas e que chegarían a tempo, en lugar de estar a asinar pactos sobre a bucina”.

“A Marea Atlántica sempre estará para chegar a acordos que beneficien á cidadanía. Porque as persoas que están aí fóra, á intemperie, o que agardan de nós é solucións. Pero esixiremos que se cumpran eses acordos, seremos estritas co goberno, sempre”, afirmou García.

O 10 de novembro quixemos tratar esta e outras medidas. Pero o goberno municipal convocou un pleno con cero diálogo, unha proposta falta de ambición, con expedientes inzados de erros e deixando menos de 24 horas á oposición para facer propostas. E cando as fixemos, mudaron a orde do día para non poder debatelas.

Naquel momento só puidemos introducir unha proposta, as bonificacións no ICIO para as obras de eficiencia enerxética en vivendas habituais. E, pese a todo, votamos a favor da maioría das ordenanzas porque a cidade non ten a culpa de que o PSOE non faga o seu traballo.

Arrincámoslle o compromiso ao goberno municipal: melloras fiscais para os sectores máis afectados pola crise