Saltar ao contido

María García: “A xente pídenos un acordo, e nós traballamos para conseguilo desde o primeiro día. Non somos partidarias de cheques en branco, pero si de poñer o Concello ao servizo da veciñanza”

Este plan permitirá permitirá reforzar os servizos sociais, mellorar o servizo de canguraxe, crear axudas para autónomos e pemes, apoiar á cultura ou implantar bonos para fomentar o consumo local, entre outras medidas

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, participou hoxe na presentación do Plan de Choque Social do Concello da Coruña, acordado por todos os grupos da Corporación e dotado con 13 millóns de euros. García sinalou que “celebramos hoxe o primeiro paso de medidas inéditas de rescate social, para conter o impacto dun virus que se levou demasiadas vidas por diante”, pero engadiu que “o problema é que non chegue antes, pois levamos 75 días de estado de alarma, de mobilidade limitada e parón económico, 75 días de esforzo e sacrificio por parte de moitas persoas, de solidariedade cidadá e redes de axuda”.

Neses dous meses e medio, a Marea Atlántica tendeulle a man ao acordo e fixo máis dun cento de propostas, varias delas incluídas no acordo final. Axudamos a deseñar este primeiro paquete de medidas, que non debe ser o último, “destínase a darlle osíxeno aos fogares e negocios locais que o precisan con urxencia. A xente pídenos un acordo, e nós traballamos para conseguilo desde o primeiro día”. Así, este Plan de Choque permitirá reforzar os servizos sociais, mellorar o servizo de canguraxe, crear axudas para autónomos e pemes, apoiar á cultura ou implantar bonos para fomentar o consumo local, entre outras moitas medidas.

Ten carencias e problemas, por exemplo, “a aposta podería ter sido maior prescindindo de gastos non prioritarios, como o millón de euros destinado a propaganda”, detallou María García, pero é positivo no seu conxunto e contará co voto da Marea Atlántica

Queda por diante a tramitación do modificativo de crédito orzamentario que sostén este Plan de Choque Social, que se realizará pola vía exprés e debería rematar a vindeira semana. Con todo, os atrasos chegaron ata o mesmo día de hoxe, xa que o expediente definitivo non lle foi remitido aos grupos ata 10 minutos antes do inicio da presentación pública.

Xusto é recoñecer que, mesmo con esta demora, as medidas do Concello da Coruña “chegan antes que as da Xunta de Galicia que, pese a ter maiores competencias e orzamento, aínda non fixo nada máis que soster a campaña permanente de Alberto Núñez Feijóo”, afirmou María García.

Finalmente, a nosa portavoz insistiu en que “o Plan de Choque Social terá o noso voto favorable, pois que haxa disenso non quere dicir que non poida haber acordo e na Marea Atlántica témolo claro: non somos partidarias de cheques en branco, pero si de poñer o Concello ao servizo da xente”.

Medidas impulsadas pola Marea Atlántica 

  • O reforzo dos servizos sociais, cunha maior dotación para a Renda Social Municipal e as axudas de emerxencia.
  • O incremento de fondos para o servizo de canguraxe, abordando a dificultade de moitos fogares para conciliar a vida persoal, laboral e familiar mentres as esclas estean pechadas.
  • Creación dunha Bolsa de Alugueiro Social, xa prevista nos nosos acordos co PSOE para o inicio do mandato.
  • Creación de bonos para fomentar o consumo no comercio local.
  • Bolsa de baixos e locais comerciais en alugueiro.
  • Maior apoio ao sector cultural, buscando alternativas aos grandes eventos e fomentando as residencias artístas.
  • Creación dunha Oficina de Atención Cidadá para centralizar a xestión de todas as medidas deste Plan de Choque Social.
  • Reforzo do persoal municipal, para tramitar as axudas o máis rápido posible.
  • E, parcialmente, incentivos para autónomos, pemes e micropemes.

Carencias do Plan de Choque Social

  • Botamos en falta maiores esforzos en políticas de vivenda para facer fronte á crise habitacional de moitas familias que non poden pagar o alugueiro. Avisamos da problemática que se aveciña cando remate o estado de alarma e con el a moratoria nos desafiuzamentos.
  • Tras o esforzo realizado no aloxamento temporal de Riazor, parécennos insuficientes as medidas para abordar o senfogarismo. Faltan solucións como o reforzo do programa Housing First.
  • Se ben se reforza o servizo de canguraxe, non se inclúen outros servizos de conciliación, como son o programa dos patios escolares abertos ao barrio ou actividades específicas para adolescentes.
  • As axudas a autónomos, pemes e micropemes se quedan curtas e botamos en falta axudas directas á contratación de persoas desempregadas.
  • Elimínanse investimentos escollidos pola cidadanía a través dos Orzamentos Participativos, sobre todo novas zonas verdes.
  • En vez de recortar en propaganda, duplícanse os fondos ata un millón de euros. Este plan de choque non pode ser un artefacto publicitario.
  • Do mesmo xeito, non parece lóxico solapar o contrato de limpeza en contra do posicionamento maioritario do Pleno desta corporación, malgastando niso 600.000 euros.

Acordo para un Plan de Choque Social na Coruña, tras 75 días de Estado de Alarma