O candidato da Marea Atlántica reuniuse coa plataforma Revolución Veciñal e propuxo impulsar o Parque Cidade para dotar estes barrios dunha moi necesaria zona verde
O proxecto do Parque Cidade, unha gran zona verde impulsada pola veciñanza, non tivo avances neste mandato: crearémolo despois do 28 de maio
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, mantivo un encontro coa plataforma Revolución Vecinal, formada nos barrios do Martinete e o Birloque, e comprometeuse a crear percorridos seguros e accesibles para moverse a pé por estas zonas da cidade, e para unilas cos barrios da contorna. “Non pode ser que camiñar polo Birloque e o Martinete sexa un deporte de risco, imposible para persoas con mobilidade reducida”, sinalou Xove, quen tamén apostou por crear unha nova zona verde, o Parque Cidade.
O candidato, que estivo acompañado polos números 2, 3 e 4 da súa lista, Bea G. Canales, Rodri Gil e Chiqui García, e polo vicevoceiro municipal da Marea Atlántica, Iago Martinez, sinalou a necesidade de prover o barrio de beirarrúas e ampliar as existentes, escasas, estreitas e en mal estado, arranxar o deterioro do espazo público, dotar a veciñanza de equipamentos básicos coma un parque infantil e garantir que alguén en cadeira de rodas poida circular por esta zona sen xogar a vida. Desde logo, tamén é preciso mellorar as frecuencias do transporte público e conectar o aparcamento disuasorio de Lonzas, actualmente case sen uso, cos polígonos de Agrela e Pocomaco.
Mellor un parque que un descampado
Xove tamén se comprometeu a impulsar desde o Concello o proxecto do Parque Cidade e a restauración do río Monelos, unha gran zona verde impulsada pola veciñanza no que hoxe é un enorme descampado pechado á veciñanza do Martinete, Feáns, Pocomaco, Someso, Elviña e Vío. Nos orzamentos de 2022 houbo unha partida para redactar o proxecto, grazas á iniciativa da Marea Atlántica nas negociacións.
“Por desgraza, non tivo grandes avances neste mandato, pero está pendente de recibir axudas da Fundación Biodiversidade. Pero con ou sen axudas, teremos que poñelo en marcha a partir do 28 de maio, coa Marea de volta no goberno, para paliar o déficit de zonas verdes na Coruña en xeral e nestes barrios en partícular”, explicou o candidato.
Na mesma liña, existen avenidas e rúas do Birloque e o Martinete que poderían humanizarse coa plantación de árbores, medida que tamén axuda a afrontar a emerxencia climática e reducir o ruído do tráfico. É posible facelo nas rúas Mozart, Glasgow, Juan Darriba e nos accesos ao campus universitario.
O problema do espazo público na zona tamén se amosa na existencia doutros terreos sen uso e pechados, herdanza da crise inmobiliaria de 2008. Atópanse valados e nun lamentable estado de conservación, actuando como focos de sucidade. É preciso requirirlle aos propietarios para que cumpran coa súa obriga de manter estes solares nas condicións de hixiene axeitadas.
Pacificación do tráfico
Doutra banda, é necesario pacificar o tráfico e buscar unha ruta alternativa para os camións e vehículos industriais que percorren constantemente O Birloque e O Martinete a través da estrada provincial DP-0512, unha demanda que o grupo da Marea Atlántica ten trasladado numerosas veces á Deputación, pero que o goberno bipartito non parece ter interese en desenvolver. Do mesmo xeito, é preciso mellorar e ampliar o carril bici nestes barrios, para dar unha alternativa de mobilidade saudable.