Saltar ao contido

O candidato da Marea Atlántica visitou esta mañá a sede da Federación Galega de Enfermidades Raras (Fegerec) para coñecer o seu labor e escoitar as súas necesidades

“É unha mágoa que a alcaldesa non atopase tempo para incluír a renovación dos convenios en todo o ronsel de anuncios electorais dos últimos días”, sinala Xove 

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, realizou hoxe unha visita á sede da Federación Galega de Enfermidades Raras (Fegerec) no seu local do centro cívico de San Diego, desde onde instou ao goberno local a “resolver no pleno de abril os convenios pendentes coas entidades sociais, veciñais e culturais da Coruña, que en moitos casos dependen dese financiamento para manter a súa actividade e levan meses na incerteza”.  

Xove lamentou que teñamos chegado ao mes de abril sen coñecer sequera o proxecto de Inés Rey para os orzamentos deste ano, “a pesar de que presentalo é a súa obriga legal”. E sinalou que “se este goberno non é quen de elaborar uns presupostos, polo menos podería aprobar un modificativo de crédito para garantir os convenios coas entidades sociais, veciñais, sanitarias, culturais e deportivas da Coruña. É unha mágoa que a alcaldesa non atopase tempo para incluír a renovación dos convenios en todo o ronsel de anuncios electorais dos últimos días”. 

O candidato lembrou que renovar o apoio ás entidades sociais é un trámite e esixe que se leve ao vindeiro pleno. “Debería ser o mínimo para recoñecer o traballo de entidades como Fegerec, que chegan alí onde non están a chegar as administracións públicas”. Podería terse aprobado xa en decembro, cos votos da Marea Atlántica, pero o goberno de Inés Rey escolleu non facer disto unha prioridade política. 

As enfermidades raras son aquelas cunha moi baixa prevalencia, o que dificulta o seu tratamento e investigación. Hai catalogadas unhas 7.000, que afectan a preto de 20.000 persoas en Galicia, e Fegerec traballa para axudalas desde a asistencia sociosanitaria, a rehabilitación e o apoio a doentes e ás súas familias. O seu traballo merece todo o recoñecemento. 

Xan Xove esixe ao goberno local que se resolvan no pleno de abril os convenios pendentes coas entidades sociais